Jorquera preguntará a Feijóo pola falta de expectativas laborais da mocidade

O Portavoz parlamentario do BNG preguntará ao Presidente da Xunta que valoración lle merece que o 23%” dos mozos e mozas galegas pensen que nos vindeiros cinco anos a súa situación laboral será “aínda peor ou moito peor que a actual”

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos do vindeiro pleno tratados hoxe en Xunta de portavoces. O deputado avanzou que na quenda de preguntas ao presidente pedirá a Núñez Feijóo unha valoración sobre o pesimismo dos mozos e mozas ante a situación laboral dos que o 23% pensan que nos vindeiros cinco anos a súa situación laboral “será peor ou moito peor que a actual”.

Feijóo candidato á Xunta

O deputado reiterou que a herdanza que deixa Feijóo en Galiza é a negación de “toda esperanza á nosa mocidade”. Quizás, dixo, Jorquera, Feijóo culpe ao Bipartito ou ao pesimismo antropolóxico dos galegos pero a realidade é que “os mozos e mozas galegos son os que se mostran máis predispostos a cambiar de lugar de residencia para tentar mellorar as súas condicións de vida” e quizá aí teña tamén o señor Feijóo unha explicación á “crise demográfica” do noso país.

Debates á iniciativa do BNG

Jorquera avanzou que á iniciativa de todos os grupos da oposición foi incluída na orde do día da vindeira sesión plenaria a solicitude para crear unha comisión sobre os contratos, convenios subvencións así como actos administrativos con asignación de recursos públicos á Fundación Fesán da que dixo, é “unha das principais beneficiaria da organización de cursos de formación, xestión de garderías, centros de día e residencia de maiores, a través das súas empresas”.

O parlamentario lembrou que dende o ano 2009, a Fundación Fesán acadou un total de 10 M€ en contratos. Ademais, afirmou Jorquera, que pola información da que dispoñemos, foi unha entidade creada “ad hoc! por persoas afíns ao Partido popular para acceder aos debanditos contratos e subvencións.

Situación de Navantia

Por outra parte, o BNG defenderá unha proposición non de lei sobre Navantia e o compromiso do propio Feijóo no ano 2009 de crear un grande centro de reparacións navais na Ría de Ferrol con 2.000 postos de traballo. No ano 2011, e ás portas das eleccións municipais, o consello da Xunta anunciou “O Plan estratéxico para reactivar Navantia” con máis de 1.000 empresas e 10.000 traballadores, sen embargo, hoxe, teñen carga de traballo 600 traballadores das empresas auxiliares e 500 da plantilla principal”.

Demora dos pagos de PEMEX

Ademais o BNG preguntará ao Goberno sobre as últimas informacións referidas a PEMEX, “outro dos grandes fiascos do actual presidente da Xunta”, que anunciou a inversión de 58 millóns de euros para instalar unha base loxística para Europa en punta Langosteira e “nada se sabe deste asunto”.

Feijóo, dixo o portavoz parlamentario do BNG, “vendeu Barreras a PEMEX a prezo de saldo” e do anuncio da construción de cinco barcos en Galiza, “tampouco se sabe nada” o que si coñecemos é que PEMEX xa solicitou unha demora nos prazos de entrega dos floteis “por problemas de pago”.

O deputado anunciou que o BNG interpelará ao goberno sobre a situación do sector leiteiro e as acción que emprenderá para cumprir a legalidade na etiquetaxe do mexillón en Galiza.

Finalmente, o BNG defenderá unha iniciativa para “rexeitar o acordo da U.E con Turquía” sobre as persoas refuxiadas polo que proporá instar ao Goberno central a “contribuír nun programa efectivo de axuda humanitaria que destine os recursos necesarios para auxiliar, rescatar e acoller ás e os refuxiados”.