Jorquera: A política de prevención do PP é confiar en que chova"
O portavoz do BNG no Parlamento galego afirmou que no último mes as hectáreas queimadas en Galiza equivalen á metade da superficie que ardeu en todo o ano 2014
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu hoxe, ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de portavoces cara a vindeira sesión plenaria.
Jorquera principiou a súa intervención anunciando a pregunta do BNG ao Goberno sobre prevención e loita contra os incendios forestais, dos que dixo, o PP aplica a política de prevención de confiar en que chova e explicou que só no último mes as hectáreas queimada en Galiza equivalen á metade da superficie que ardeu en todo o ano 2014.
O parlamentario salientou que a situación provocou a activación do máximo nivel de alerta, a mobilización de todo o persoal dispoñíbel e incluso, nalgún caso, mobilizar a unidade militar de emerxencias.
Por outra parte, o BNG tamén preguntará ao goberno polo impulso o autoconsumo eléctrico en Galiza e a posibilidade de que os consumidores/as xeren a súa propia electricidade o que sen dúbida, dixo, implicaría aforro enerxético, redución de emisións e abaratamento de prezos.
Asemade, na vindeira sesión plenaria, á iniciativa do BNG serán tratados, entre outras cuestións: O Borrador do Paquete lácteo, o impacto da eliminación do sistema de cotas, o anuncio de dous EREs na empresa Vestas Nocellas Spain. S.A de Viveiro, unha Proposición no de lei para elaborar un Plan galego de Emprego Feminino e a pregunta ao Presidente Núñez Feijóo sobre a situación da economía galega á cola no Estado español no ano 2014.