Jorquera pide que dimita Paula Prado e que Feijóo depure responsabiliades
O BNG, dixo, ten unha postura clara e inequívoca, ante casos de presunta corrupción, o cargo público debe dimitir
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera asegurou hoxe, en sede parlamentar e ante as novas revelacións da Operación Pokémon que cando existen evidencias de prácticas presuntamente corruptas, a depuración de responsabilidades debe estenderse a outros cargos políticos aínda que sobre eles non pese ningunha imputación.
O parlamentario do BNG aludiu as novas revelacións da Operación Pokémon que reflicten graves irregularidades da popular Paula Prado, inflar facturas, privilexiar nos contratos públicos a empresas amigas, tentar colocar a persoas afíns e conversas nas que afirma a respecto do Sr. Conde Roa, que todo o que fai cheira a pelotazo.
Esta situación, dixo, debe ser clarificada de inmediato porque afecta á Portavoz do Partido popular de Galiza, unha persoa da máxima confianza do Presidente da Xunta e do Partido popular de Galiza.
A preguntas dos xornalistas, Francisco Jorquera afirmou que Paula Prado debe dimitir e Núñez Feijóo ten a obriga ética e política de demandar a súa dimisión.
Estamos a falar, engadiu, da persoa á que o Partido popular de Galiza confiou a coordinación da campaña das vindeiras eleccións europeas e ademais dunha persoa que non se caracteriza pola súa moderación e contención á hora de poñer en dúbida a honorabilidade doutras forzas políticas.
As novas revelacións da Operación Pokémon esixen unha explicación clara e contundente e depurar as responsabilidades ás que haxa lugar e unha explicación tamén da persoa que a respaldou no Partido popular de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.