Jorquera: "En democracia non se pode gobernar contra a maioría social, iso é plutocracia"
Do contrario, advertiu que seguiremos con gobernos que gobernan contra os intereses da maioría social, e iso non é democracia, é plutocracia, é ditatura dos mercados, dos grandes poderes económicos.
Jorquera participou esta mañá en Cambre nunha charla-coloquio aberta ao público sobre a propostas do BNG para as eleccións galegas do 21 de outubro, un acto no que tamén interviñeron a concelleira do BNG en Cambre, Mariví Amor, e a candidato número dous do BNG pola Coruña, Ana Pontón.
A democracia ten que volver a ser o poder do pobo
Na súa intervención, Francisco Jorquera advertiu de que se está acabando coa democracia cando vemos como os gobernos póñense de costas á xente que os elixiu e limítanse a política que lle ditan os grandes poderes económicos como están a facer os gobernos de Rajoy e de Feijóo.
Para eles, iso que se chaman mercados, e que son os especuladores e grandes poderes económicos, son máis importantes que as persoas, afirmou
E puxo como exemplo estes días nos que os gobernos en vez de escoitaren o clamor das rúas insisten en seguir con estas políticas de recortes, aínda que ataquen á maioría social.
Neste sentido, alertou de que cando isto sucede a democracia transfórmase en plutocracia, que é o goberno dos grandes poderes económicos utlizando os gobernos formalmente democráticos como meros axentes transmisores das súas políticas.
E puxo como exemplo que o memorandum de rescate ao Estado español, un documento sobre o que se informou e se debateu no Parlamento Alemán, pero non no Congreso dos Deputados. Esa é a calidade da democracia do PP.
Propostas do BNG para a rexeneración democrática
Ante esta situación, Jorquera subliñou que o BNG defende a rexeneración democrática, que pasa por exercer a transparencia, por respetar o pluralismo político, por asegurar o dereito á información, por incentivar a participación real da sociedade na toma de decisións.
Consulta popular vinculante para as decisións que afecten ao futuro do país
E como medidas concretas que inclúe o BNG no seu programa eleitoral salientou unha reforma legal que asegure que a Televisión de Galiza e a Radio Galega sexan públicas e non un instrumento ao servizo do goberno de quenda.
Na mesma liña defendeu unha reforma da Lei Eleitoral que asegure que o Parlamento de Galiza sexa reflexo da pluralidade existente na sociedade, creando unha circunscrición única a nivel de Galiza, ou suprimindo o límite do mínimo do 5% dos votos para participar no reparto de escanos, ou o impulso á celebración de consultas populares para que a sociedade se pronuncie sempre que se tomen decisións que afecten ás súas necesidades e intereses básicos e sexa a sociedade a que teña a última palabra.
Asegurou que para o BNG é imprescindíbel este referéndum se queremos iniciar un novo proceso político e social fronte á devalución da democracia, fomentando a participación.
Francisco Jorquera concluíu salientando que o BNG aposta por contar permanentemente coa xente e sempre que se discutan aspectos que afectan ao futuro dun país téñense que someter a consulta vinculante.