Jorquera cualifica de "hipócrita e baleiro" o discurso de Fin de Ano de Feijóo

O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, cualifica o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galiza como “hipócrita, cheo de tópicos e baleiro de contido”.

Ademais, Jorquera replícalle a Feijóo que a súa apelación á unidade das forzas políticas fronte á crise “hai que concretar para qué, porque o BNG non se sumará a unha unidade para seguir empobrecendo á maioría da sociedade para beneficio dunha minoría”.

Feijóo esquécese das vítimas das políticas neoliberais: desafiuzados, estafados polas preferentes....

A este respeito, o portavoz parlamentar do BNG criticou que “o camiño escollido por Feijóo é o de darlle as costas á maioría da sociedade para defender os privilexios dunha minoría”.

Así, Jorquera lembrou que “neste Fin de Ano están pechadas en Galiza centos de persoas vítimas da estafa das preferentes, e Feijóo dalles as costas e o seu partido, o PP, apoia un decreto que legaliza esta estafa”.

“Neste Fin de Ano -engadiu- hai cidadáns que se están mobilizando contra os desafiuzamentos e Feijóo tamén lles da as costas; hai centos de miles de persoas en paro en Galiza e Feijóo tamén lles da as costas e apoia reformas laborais que lles rouban máis dereitos aos traballadores”.

Hipocrisía de Feijóo por escoller a casa de Rosalía

Por último, Francisco Jorquera cualifica de “hipócrita” que Feijóo apelase no seu discurso a Rosalía de Castro e escollese como escenario a súa casa  museo en Padrón “cando vemos como o seu Goberno segue pisoteando a lingua e a cultura galegas e segue apostando por unha Galiza submisa ao que manden dende Madrid”.