Jorquera afirma que "as ideas do BNG son as de Bóveda: Soberanía, democracia e traballo"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu hoxe de que “o PP quere dar un auténtico pucheirazo eleitoral nas próximas eleccións galegas porque sabe que xa non ten a maioría na sociedade”.

Jorquera interveu esta tarde en Pontevedra no acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir. O acto celebrouse na praza de Curros Enríquez, e homenaxeou a Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio) polo fascismo.

O acto contou coa presenza de numeroso público así como de militantes e representantes institucionais e orgánicos do BNG.

O candidato nacionalista acusou ao Partido Popular de “degradar o Parlamento Galego, a máxima institución representativa do noso pobo” e tamén de “querer impedir que sexa a expresión da pluralidade real da sociedade, que sexa a expresión da verdadeira vontade do pobo galego”.

Neste sentido, advertiu de que “aínda que o PP ten maioría absoluta no Parlamento sabe que xa non a ten na sociedade e por iso queren dar un auténtico pucheirazo eleitoral nas próximas eleccións galegas” recortando o número de deputados do Parlamento Galego, para primar aínda máis a sobre-representación das provincias de Lugo e Ourense -nas que o PP obtén mellores resultados- e así conseguir máis escanos con menos votos.

As ideas do BNG son as ideas de Bóveda: Soberanía, democracia e traballo

Por outra parte, Francisco Jorquera afirmou que “as ideas de Bóveda están plenamente vixentes e son as que defende o BNG, baseadas en tres eixos: soberanía, democracia e traballo”.

“Soberanía -explicou- porque a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia, a que as decisións se tomen en ámbitos que non emanan da vontade dos pobos”.

“Democracia porque a democracia é algo máis que votar cada catros anos; a democracia é o exercicio do poder do pobo e para o pobo”, subliñou.

“E traballo porque nós non estamos cos especuladores, estamos co mundo do traballo, e ter un traballo digno en Galiza é un dereito e non un privilexio”.

“O nacionalismo e a defensa das maiorías sociais eran os elementos vertebradores do pensamento de Bóveda”

Por último, Francisco Jorquera salientou que “para Alexandre Bóveda e para o Partido Galeguista o nacionalismo non era un adxetivo, un ingrediente máis, senón que era o elemento vertebrador do seu pensamento”.

Do mesmo xeito, o candidato do BNG á presidencia da Xunta salientou que o político do Partido Galeguista “sempre tomou partido polos de abaixo, porque para el o nacionalismo estaba vencellado á defensa dos intereses das maiorías sociais”.

 

 

 

 

 

http://youtu.be/k_y5sTDUkIg