Por iniacitiva do BNG, a Xunta declarará oficialmente 2016, "Ano das Irmandades da Fala"

O BNG acadou o “apoio unánime” da Cámara para divulgar o labor das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación por Ramón Vilar Ponte, Micaela Chao, Manuel Lugrís, Uxío Carré, Luís Porteiro e Florencio Vilar que recolleron o legado de Murguía, Pondal e Rosalía.

A deputada do BNG, Ana Pontón salientou o grande tributo das Irmandades da Fala nos ámbitos político e lingüístico polo que pediu respectar a historia e divulgar o traballo realizado por esta organización de intelectuais galegos.

Pontón explicou que resulta evidente que o programa das Irmandades da Fala e moitos dos seus puntos non serían “subscritos polo Partido popular” involucrado nun proceso de “recentralización” e marxinación da lingua galega pero hoxe o importante, dixo, é vernos reflectidos no traballo das Irmandades da Fala e no seu programa de autonomía integral para Galiza, do ingreso de Galiza na Liga das Nacións, buscar as bases dun posible federalismo con Portugal, que Galiza conte cun Parlamento lexislativo “pleno” e elixido polo pobo e que se supriman as deputacións provinciais.

Feitos da nosa historia fundamentais para entender o presente

Seguramente, dixo, a pesar da vixencia das reclamacións das Irmandades da Fala, moitos deputados e deputados/as non estarían dispostos a asumilas pero hoxe o relevante é o recoñecemento deste Parlamento do labor que esas persoas, “homes e mulleres de Galiza e do que fixeron nese momento” por iso, seguimos dicindo que o mellor tributo é “converter a súas ideas en realidade como está a facer o Bloque nacionalista galego”.

Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Castelao, Anxel Casal... rexeitaron a “rexía colonización castelán e a propia autoinferioridade que aínda hoxe custa caro desbotar a algúns”, como reflicte un dos textos, explicou, que deixaba xa entrever as preocupacións dos intelectuais que impulsaron as Irmandades da Fala e que rapidamente se estendeu por todo o país e que foi reprimida pola ditadura de Primo de Rivera.

A parlamentaria congratulouse da unanimidade no hemiciclo e amosou o seu desexo de que a Xunta estableza un programa de actividades para divulgar o coñecemento do “importantísimo labor desta organización” para acadar “unha Galiza máis libre, culta, xusta e comprometida consigo mesma” para o que pediu dotar de fondos necesarios aos organismos responsábeis do programa de divulgación.

O PP recoñece o importante labor das Irmandades.

Pola súa parte o portavoz do PP, Agustín Baamonde lembrou as palabras de Fernández del Riego cando afirmaba que “moitos dos membros das Irmandades consideraban a fala como un instrumento de loita necesario para acadar unha identidade propia, cultural e unha cultura autóctona” e destacou a “lealdade e nobreza das Irmandades da Fala” polo que é merecedora, dixo, “de respecto e recoñecemento”, sen embargo, o popular non se resistiu a criticar ao BNG do que dixo mantén moitas veces “posicións partidistas” e convidouno a seguir “o espírito plural” das Irmandades.

“Aí están algunhas das reivindicacións xa incorporadas como o Estatuto de Galiza e competencias en educación” polo que reiterou o seu convite á oposición a unir forzas na defensa do idioma galego e anunciou o seu voto afirmativo á proposta nacionalista.