Guillerme no Día da Galiza Mártir: "Alexandre Bóveda apoiaría a Banca Pública Galega"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe que “Alexandre Bóveda estou seguro que hoxe defendería unha Banca Pública Galega como defende o BNG”.

Guillerme fixo estas declaracións esta mañá en Poio no acto de homenaxe organizado polo Concello de Poio a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir.

“As ideas de Bóveda teñen plena vixencia neste momento”

O portavoz nacional afirmou en declaracións aos medios que “como cada 17 de agosto os nacionalistas galegas lembramos a Alexandre Bóveda, que o temos na memoria e no corazón”.

Neste sentido, Guillerme salientou que “nun momento como este as ideas de Alexandre Bóveda teñen plena actualidade: segue sendo necesario loitar pola democracia e pola soberanía nacional para Galiza, pola autonomía fiscal que tanto reivindicaba Bóveda”. “En definitiva, buscar unha saída para a maioría social, que ten que pasar por maior capacidade de autogoberno e por capacidade de decisión de Galiza fronte a Bruxelas e Madrid”. asegurou.

Alexandre Bóveda hoxe tamén defendería a Banca Pública Galega

Ademais, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “Bóveda, que impulsou a Caixa de Aforros de Pontevedra, quedaría abraiado polo desmantelamento das caixas de aforros”.

“Un modelo -denunciou- que está desaparecendo por decisión da gran banca e do Fondo Monetario Internacional, pois as caixas non lles interesan”.

Por iso, Guillerme afirmou que “estou seguro que Bóveda hoxe estaría apostando pola Banca Pública Galega, como fai o BNG, fronte a este intento de concentrar o negocio financeiro en moi poucas mans, un camiño que para Galiza é absolutamente negativo”.

Solución política para os estafados polas preferentes

Por outra parte, o portavoz nacional do BNG denunciou que “segue sen haber unha solución para a estafa das participacións preferentes”.

A este respecto afirmou que “basta xa de tomaduras de pelo” e reclamou que “os gobernos o que teñen é procurar unha solución política”.

“E os estafados polas preferentes -engadiu- teñen dereito a recuperar o que é lexitimamente deles: os seus cartos”. “E todo o demais é darlle voltas e enganar á xente”, concluíu.

Ás 20:30 horas acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir

Por último lembrar que o acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir terá lugar esta tarde, ás 20:30 horas, na praza de Curros Enríquez de Pontevedra. Intervirán, entre outros, Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza.

 

http://youtu.be/ls5FYHSdeds

http://youtu.be/oCzb9aY6XZ4