Guillerme: "O éxito da folga amosa que boa parte da sociedade galega rexeita as políticas do PP"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez subliñou esta mañá en rolda de prensa o éxito da convocatoria de folga xeral de onte no noso país no que, de xeito especial, tal e como subliñou, tivo relevancia o papel do sindicalismo nacionalista.

Puxo en destaque que a masiva participación cidadá nas manifestacións convocadas onte deixa claro que “unha parte importante da sociedade galega está disconforme coas políticas que leva adiante o PP, banca, CEOE, a troika”.

“Hai que valorar esta convocatoria como a expresión dun importantísimo descontento popular”, afirmou. Na mesma liña, afirmou que “o PP pode tomar nota ou non deste descontento, e a sociedade debe tomar nota ou non do que faga o PP”.

“Unha pedra non tira un muro, pero un maremoto si que o fai por moito formigón armado que teña”, concluíu.

Desafiuzamentos

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a proposta de PP e PSOE para resolver a dramática situación das persoas desafiuzadas, Guillerme subliñou que é “inaceptábel que a xente perda a súa vivenda e lle siga debendo ao banco”.

Guillerme lembrou que o BNG leva anos denunciando esta situación na que se dá agora “un agravamento bestial e que ten como consecuencia o asasinato de xente”.

“Non se trata de ver cales son os límites de ingresos das persoas ou a súa boa fe”, en referencia á proposta que barallan PP e PSOE, “a solución ten que ir máis ao fondo. Hai que parar en seco os desafiuzamentos e a solución ten que ir por outro lado, en primeiro lugar a dación en pago”.

“Non podemos aceptar as voces que din que a banca pode quebrar”, continuou, “para que non quebre a banca, teñen que quebrar as persoas?”, perguntouse, “ten que quebrar a sociedade enteira?”

O portavoz nacional denunciou o tempo que se ten perdido porque PP e PSOE non quixeron abordar este problema e votaron en contra das propostas do BNG e afirmou que a proposta das forzas estatais “non resolve o problema porque segue considerando que a banca ten dereito a gañar sempre cando o que hai que facer é defender os intereses da xente que non é responsábel da devaluación do prezo da vivenda”.

Mesa do Parlamento

Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas, Guillerme subliñou que a Mesa do Parlamento “o normal, en democracia, é que exprese a pluralidade das forzas políticas existentes” na cámara galega, “xa que dirixe a actividade parlamentar”.

O portavoz nacional afirmou que para o BNG “non é unha preocupación principal este tema, senón os problemas da xente dos que estamos falando”, a violencia da xénero, o paro, as pensións, etc”.

 

http://youtu.be/ovmdAgzVrrk

 

http://youtu.be/0_BuC1QJaHE