Guillerme advírtelle a Feijóo de que "o PP non é o dono do Parlamento Galego"
Guillerme fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Nacional do BNG, que, entre outras decisións, acordou convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo.
O portavoz nacional subliñou que a decisión da presidenta do Parlamento galego non a toma ela unilateralmente, senón que é unha decisión do presidente da Xunta, do señor Feijóo.
Unha proposta antidemocrática para amordazar á sociedade
En segundo lugar, Guillerme denunciou que a proposta é antidemocrática e totalmente errada, porque non é o PP o dono, o propietario, do Parlamento Galego.
Para o portavoz nacional con esta decisión o PP quere seguir amordazando á discrepancia coas súas políticas nefastas e ocultar a verdade.
Por iso, advertiu de que con esta decisión do PP salta todas as liñas vermellas, é inaceptábel e faremos todos os esforzos para que non vaia adiante.
Proposta do BNG aos demais grupos políticos para parar unha decisión inaceptábel
Neste sentido, anunciou que decidimos que o Grupo Parlamentar do BNG dirixirase aos demais grupos parlamentares para, entre todos, acordar medidas para evitar que esta decisión do PP se leve a cabo.
Asemblea Nacional para o 17 de marzo
Ademais, Guillerme informou de que o Consello Nacional decidiu convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo e aprobar o regulamento da mesma.
Deste xeito -asegurou- culminarase un proceso de debate iniciado tralas pasadas eleccións galegas co fin de reorientar politicamente o BNG, adaptar a nosa liña política á nova realidade de crise económica e social que estamos a padecer, e para ofrecer ao pobo galego un proxecto político útil para camiñar cara unha Galiza democrática, soberana e con xustiza social, e que recupere a confianza da sociedade galega.
Este proceso de debate fíxose sen límites previos, de abaixo a arriba. Así nunha primeira fase houbo debates nas asembleas comarcais, onde xurdiron as primeiras reflexións que se transformaron nun documento aberto que se volveu debater nunha segunda fase nas asembleas comarcais.
E ao mesmo tempo, este proceso de reflexión abriuse ao conxunto da sociedade galega a través da iniciativa PROPONCONNOSCO.
Apoio á manifestación deste domingo de Queremos Galego
Por último, o Consello Nacional do BNG reitera o apoio á manifestación de mañá de Queremos Galego en defensa da lingua que nos une como pobo galego.
A manifestación sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela.
http://youtu.be/x6iqdk0Vd9c