Galiza Nova pide máis formación viaria, transporte público e restituír o “Noitebús”

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera García comparece na comisión de Estudo para a mellora da seguridade vial no Parlamento na que reclamou un Plano de seguridade viaria adaptado á realidade do tráfico en Galiza

Alberte Mera compareceu hoxe, xunto aos representantes das asociación xuvenís de AGE,PSdeG e PP na comisión de estudo sobre seguridade viaria que se está a celebrar no Parlamento galego onde reclamou máis transporte público, restituír o Noitebús e poñer en marcha cursos de formación no ensino para mellorar a seguridade viaria.

Na súa intervención, Mera salientou a especificidade das redes das estradas galegas e a inseguridade que nelas se rexistra polo que reclamou a “elaboración dun estudo detallado e constantemente actualizado” das vítimas, atendendo a factores de idade e ubicación co fin de para mellorar o seguimento da seguridade viaria e establecer as medidas necesarias a seguir.

Galiza, á cabeza en siniestralidade

O representante da mocidade galega nacionalista asegurou que Galiza reflicte os índices de siniestralidade máis altos do Estado, (3.000 persoas falecidas na última década) e o 8,25% de vítimas mortais no Estado, durante o ano 2012 que nos sitúa por riba da media estatal atendendo á poboación.

Entre as causas da mortandade, dixo, “o exceso de velocidade e a presenza de alcol” resultan factores determinantes nas estradas galegas sendo as persoas maiores de 40 as máis afectadas e non “os mozos e mozas como habitualmente se cre”.

“Centos de quilómetros de estradas secundarias sen carril duplo, ausencia de arcéns para vehículos lentos, maior número de días con chuvia, néboa e vento”, así como a falta de servizos alternativos de transporte público con autobuses a un prezo inasubmíbel e un servizo de trens moi caro e sen frecuencias que facilitan os accidentes de tráfico explican a inseguridade nas estradas galegas, afirmou.

Asemade, o estado deficiente de moitas estradas con falta de sinalización, firme deteriorado, iluminación insuficiente e sen beirarrúas ou pasos de peóns incrementan a inseguridade da mocidade que debe trasladarse dúas veces ao día aos seus centros de estudo ou traballo.

Servizos de transporte público e novo mapa escolar parello á realidade galega

O informe da Asociación española de la Carretera titulado “Necesidad de inversión en conservación” publicado este mes, constada o deterioro “sen precedentes” das estradas españolas e coloca a rede viaria galega “como unha das máis perigosas”, explicou.

Ademais destacou que a alternativa ás carísimas peaxes da AP- 9 é a N-550 pero a propia Asociación Española de la Carretera afirma que nesta estrada hai contabilizados 422 baches ademais e sinais e marcas de viais que deben ser repintados.

Restituír o Noitebús para garantir a seguridade nos desprazamentos nocturnos

O portavoz de Galiza Nova tamén se referiu ao lecer e desprazamentos da mocidade en horarios nocturnos e denunciou que Galiza non conta cun transporte público adecuado polo que reclamou a restitución do “Noitebús” con frecuencias que cubran os desprazamentos atendendo á dispersión poboacional.

“O Noitebús, dixo, beneficia e salva vidas” pero a Xunta desmantelouno a pesar de ser un importante sistema de prevención de sinistros e seguridade para @s usuari@s e a súas familias.