A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao presidente da Xunta para denunciar o incumprimento da Lei de Igualdade por parte do Goberno galego, que acumula ducias de denuncias de traballadoras que teñen que acudir aos xulgados para poder exercer o seu dereito a conciliar vida familiar e laboral.
“É o campión en incumprir a Lei de Igualdade señor Feixóo, -denunciou Pontón-, o seu goberno incumpre os dereitos de conciliación das mulleres porque a Xunta acumula ducias de sentencias de traballadoras do Consorcio (Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar) ás que sistematicamente se lles denega o seu dereito á conciliación. E sabe quen lles está concedendo o dereito, os xulgados deste país, así da exemplo a Xunta de como se cumpren os dereitos das mulleres”.
O Executivo galego tamén incumpre a obrigatoriedade de ter plans de igualdade nos distintos organismos e departamentos da Xunta, incumpre a Lei de Igualdade no Traballo e a Lei de Violencia de Xénero, criticou Pontón, quen advertiu contra as políticas regresivas de Feixóo pese a que as desigualdades que soportan as mulleres agudizáronse nestes anos de crise.
“E que fai o seu goberno ante esta situación? Apoiar as reformas que recortaron dereitos laborais e de conciliación, conxelar a aplicación das leis en materia de igualdade, financiar colexios que segregan por sexos, recortar en políticas de igualdade e desviar parte deses fondos para entidades como Hijas del Divino Cielo, Religiosas Siervas de la Pasión, ou Rebaño de María. Non sei que ten que ver isto coa igualdade das mulleres”, denunciou Pontón.
A dirixente do Bloque tamén foi crítica coa campaña “paternalista” posta en marcha pola Xunta con motivo do día contra a violencia de xénero, ”porque señor Feixóo as mulleres non queremos ser o máis grande de Galiza, o que queremos é igual salario por realizar igual traballo, queremos que a conciliación non sexa misión imposíbel, e queremos vivir tranquilas e sen medo, nin na casa nin na rúa”, argumentou.
Pontón interpelou ao presidente da Xunta sobre a súa posición en relación á folga de mulleres convocada para o 8 de marzo Día internacional da muller, “para saber se está do lado das mulleres ou prefire abrazar o argumentario carca e neomachista do PP que en lugar de cargar contra a desigualdade carga contra a folga”.
Sobran motivos para esa mobilización, alegou, para denunciar que que a violencia machista suma máis asasinatos que ETA, que unha traballadora cobra 4.513€ menos ao ano por facer o mesmo traballo que un home, brecha salarial que tamén se traslada as pensionistas, que cobran un 37% menos. Igualmente, denunciar que o emprego feminino está máis precarizado e que a pobreza ten rostro de muller, con 98.000 galegas malviven con 1.800 euros ao ano.
Ante a seca de iniciativas do Goberno galego, o BNG propón sacar adiante unha Lei galega de igualdade salarial, que a Administración non asine contratos coas empresas que discriminan por xénero ou poñer en marcha a Valeduría da Igualdade para investigar e combater calquera tipo de discriminación á muller.
Involución democrática
A portavoz nacional inicio a súa pregunta de control a Feixóo denunciando a deriva antidemocrática dos últimos tempos, con casos como o da sentencia condenatoria a un rapeiro por criticar á Monarquía, e o caso do secuestro dun libro, -Fariña-, non que se analizan os vínculos entre o narcotráfico e o PP. “A sombra do financiamento irregular do PP é moi alongada, e vendo o que está pasando hai paseos en iate pola Ría de Arousa que non están o suficientemente explicados”, ironizou.