A delegación de eurodiputad@s esixe que o Parlamento Europeo apoie a devolución de Meirás
O grupo de traballo mantivo xuntanzas no Concello e na Deputación de A Coruña para coñecer de primeira man os traballos de recuperación da memoria histórica da cidade
A delegación de eurodiputados que hoxe visitou o Pazo de Meirás defende que o Parlamento Europeo respalde o informe xurídico que avala a devolución do Pazo. Así o consideran os integrantes do grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo – Ana Miranda (BNG), Miguel Urbán (Podemos), Izaskun Bilbao (PNV), Jordi Solé (Esquerra) e Jill Evans (Plaid Cymru, de Gales)- que visitaron hoxe o pazo de Meirás para esixir a súa devolución.
“Queremos facer noso este informe e trasladalo ao Parlamento Europeo, co obxecto de transversalizalo”, destacou Ana Miranda durante a súa intervención na recepción que tivo lugar na Deputación de A Coruña, na que participaron o Presidente e a Vicepresidenta da Deputación, -Valentín Formoso e Goretti San Martín, respectivamente-, representantes dos grupos políticos, da Universidade e de diferentes asociacións da cidade.
Miranda avanzou a posibilidade de presentar en Bruxelas o informe xurídico, que considera que a venta do pazo ao ditador sería nula e non prescribiría, polo que o seu paso ao patrimonio público sería unha consecuencia lóxica a través de Patrimonio do Estado. Así, o informe conta como o pazo foi usado por Franco en calidade de xefe do Estado, e nel se celebraron sucesivos consellos de ministros.
Izaskun Bilbao, pola súa banda, considerou que a recuperación da memoria histórica é “unha asignatura pendente”, polo que desde o grupo de Memoria Histórica se reclama o cumprimento dos estándares europeos, “esixencia que debe ser trasladada ao Estado español”.
Jordi Solé agradeceu o traballo desenvolvido pola Deputación de A Coruña e as asociacións pola Memoria Histórica para acadar a devolución do pazo de Meirás. “Os países que traballan a memoria histórica nos valores da democracia son países que non teñen medo a afrontar o seu pasado aínda que sexa escuro, pero este non é o caso do Estado español, polo que seguiremos denunciando os casos de impunidade”.
En representación da eurodiputada Clara Aguilera, José Blanco agradeceu o traballo realizado tanto pola Comisión pro Devolución do Pazo da Deputación como polo grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo.
Esta visita inclúese no conxunto de propostas que desenvolve o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e mediante o cal presentaron diversas iniciativas e visitas relacionadas coa impunidade do franquismo. O seu obxectivo radica en dar a coñecer e denunciar internacionalmente a situación de impunidade da que goza o franquismo en España. Neste contexto produciuse a visita internacional que eurodiputados de diferentes grupos políticos realizaron ao val de Cuelgamuros e ao cemiterio de San Lorenzo de El Escorial o pasado mes de marzo.