Davila a Rajoy: "Compareza nun pleno estraordinario para explicar a desvergoña da corrupción do PP"
Señor Rajoy, a estas alturas as desculpas xa non sirven, a cidadanía require firmeza e solucións ao grave problema da corrupción que fundamentalmente radica no seu partido político, no PP. Membros do seu partido son os que están avergoñando a noble función da política. Compareza cunha actitude firme e con solucións, enfatizou.
Mariano Rajoy comparecía esta mañá no Congreso para informar do último Consello Europeo de Bruxelas celebrado o pasado 24 de outubro, mais foi imposíbel non aludir aos escándalos de corrupción do PP que impregnan a actualidade imediata, como fixo a deputada do BNG.
O último Consello Europeo
En relación ao Consello Europeo pasado, Davila definiuno como case irrelevante. Así en materia de clima e de enerxía criticou que se marquen grandes obxectivos pero fiquen en pura literatura e escaso compromiso.
Nese sentido, aproveitou para reprochar ao Goberno a súa política enerxética, nada ecolóxica e que só perseguiu o apagón eólico e solar. A presión dos lobbies é moi forte, sobre todo no tema enerxético, e consideramos que mentras a enerxía permaneza en máns privadas, o obxectivo de eficiencia enerxética e de redución de gases non se poderá cumprir.
Davila afirmou con rotundidade que para reducir a contaminación e combater a probeza enerxética, que por certo debería estar prohibida, o sector debería ser nacionalizado. No que atinxe á economía, pouco tempo adicaron a esta cuestión, aínda que supoñemos que o suficiente como para constatar que a cousa en Europa está tan mal que se fai necesario un diagnóstico previo de cada un dos estados. O único concreto que sacaron é a movilización de 300.000 millóns como fórmula para saír da crise, pero como sempre nin arranxaron o como nin cando.
No relativo á banca, e máis alá da afirmación do Gobernador do Banco de España de que o sector aproba con folgura, o tema é se van pontenciar medidas para que exista crédito para as pemes e se impulse o emprego? Que medidas vai adoptar Señor Presidente?.
En canto ao ébola, Davila ironizou con que a UE por fin se decatou da necesidade de combatelo onde está o foco do problema, incrementando a cifra da aportación económica a 1.000 millóns. Pero onde está o compromiso do Goberno español na loita contra o ébola en África Occidental porque até agora só aportaron ridículas asignacións económicas?.
Recriminou a doble vara de medir da UE en política internacional, mencionando o caso concreto de Ucrania. Mentras en Ucrania, seguindo instrucións de EE.UU, decídense sancións económicas contra a Rusia que provocará negativas consecuencias na economía da UE, no caso de Oriente Medio, limítanse a unha tímida crítica ao estado de Israel cando volta a invadir territorios de Palestina mediante o estabelecemento de novos asentamentos. Isto non é máis que cinismo político e cumpricidade do invasor.