Davila presenta unha proposición para que se paralice o medicamentazo

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou hoxe unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a paralizar o novo sistema de copago farmacéutico que entrou en vigor o pasado 1 de xullo e que está ocasionando múltiples problemas.

Ademáis, o BNG demandou a celebración dunha Deputación Permanente para que se debata a necesidade dunha comparecencia urxente da Ministra de Sanidade por esta cuestión.

Davila pón de manifesto que a posta en marcha do novo sistema de repago farmacéutico está a xerar moitos problemas tanto aos usuarios como ás farmacias. “A listaxe de queixas e problemas é moi longa e vai desde códigos de renda erróneos, coas conseguintes repercusións no tema da porcentaxe de pago, a recetas antigas, dados desfasados ou erros informáticos”.

“A situación de bloqueo é tal que os cidadáns afectados xa non saben nen a quen dirixir as súas queixas, se ao Miniterio de Sanidade ou ás CC.AA”, explica a deputada do BNG. Davila lembra que “aínda que a Administración central intente eludir as súas responsabilidades, hai unha cuestión que está claro e é que os dados fiscais dos cidadáns están en máns da Administración central, e polo tanto, se existen desfases nos dados dos pacientes é o Goberno central quen ten que solucionalo”.

Pensionistas que non constan como tal

Un dos problemas máis graves é o relacionado con casos de pensionistas que segundo a nova lei deben pagar o 10% dos medicamentos, pero se lles aplica o 50% do custe debido a que os seus dados non están actualizados e non constan como pensionistas. Así, moitas farmacias e centros de saúde están a descubrir casos de persoas ás que se lles adxudicou un código de renda que non se corresponde coa realidade”.

Davila subliña que este repago “é unha medida moi criticada, moi cuestionada e que repercute sobre todo nas maiorías sociais máis desfavorecidas. O BNG se opuxo a esta medida inxusta porque empeora o servizo público pero tamén advertimos no seu día á Ministra das dificultades que ía xerar a súa posta en marcha, precisamente porque se producirían problemas no cruce de dados sobre a renda dos cidadáns”.

A deputada do BNG critica as presas do Goberno, “sobre todo cando se aplican decisións que só obedecen ao afán recadatorio e que non teñen en conta o aspeito humano”. Por iso, empraza ao Executivo a paralizar o este proceso ante os numerosos problemas que está a provocar e “evitar tolear a cidadáns e farmacias en cada intento de compra de medicamentos”.