Davila pide que haxa dotación suficiente nas comisarías para atender os casos de violencia de xénero

A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na que insta ao Goberno a dotar de suficiente personal especializado ás comisarías de policía e postos da Garda Civil para unha adecuada atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Davila critica os recortes e a redución de medios neste tema, e sinala que “ao BNG lle preocupan as importantes deficiencias en moitas comisarías de policía e postos da Garda Civil para a atención aos casos de violencia de xénero”. Pón de manifesto que as Unidades Especializadas non teñen case personal ou son inexistentes. Ademáis da “nula formación especializada de axentes, o que provoca situacións moi desagradábeis ás mulleres”.

Neste sentido, alude ás denuncias feitas por organizacións e asociacións como a Asociación Unificada da Garda Civil que “sinalou que a maioría dos casos de violencia de xénero son atendidos por axentes que non están preparados nesta materia, e tan só o 5% dos casos están en máns de personal especializado”.

A falla de personal e de medios é preocupante porque se dan situacións nas que unha única persoa se ten que ocupar de atender até 100 casos de violencia de xénero e por riba, o seu posto non é sustituido en periodos vacacionais.

“É preciso un programa formativo para axentes policiais e gardas civís”

Olaia Fernández Davila critica que se estea a incumprir a Lei Integral de Violencia de Xénero, e lembra que Memorias Anuais do Ministerio de Interior como a do 2011, que recollen as queixas e reclamacións de cidadáns polas actuacións policiais, contemplan queixas de mulleres por non ter recibido un trato axeitado”. Entre os motivos, estas mulleres chegaban a sinalar que so axentes non cumpriran os protocolos, que as disuadiran de non presentar as denuncias, que non deran credibilidade ás testemuñas ou que non completaran as xestións para a súa proteción.

Por iso, recalca Davila, “é tan importante a formación e implantar un programa formativo dirixido aos axentes policiais e gardas civís destinados a atender este tipo de casos”.

Na pregunta parlamentar a deputada do BNG inquire ao Goberno sobres estas cuestións, pide un aumento dos recursos destinados a loitar contra este grave problema e pregunta cantas Unidades Especializadas existen nas comisarías de policía e postos da Garda Civil na Galiza.