Davila pide que Fátima Báñez compareza porque "o paro segue a medrar e vostés sen facer nada"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia urxente da Ministra de Emprego e Seguridade Social para que veña á Cámara a informar sobre a preocupante situación do paro no estado español.

Davila alude aos dados do paro rexistrado correspondentes ao mes de xaneiro que se coñeceron hoxe, e que indican unha nova suba no desemprego cifrada en 132.000 persoas máis. Para a deputada do BNG “o Goberno non pode seguer de brazos cruzados e mirando cara outro lado mentras o drama do paro continúa incrementándose”.

Un Goberno “pasivo e ineficaz” para parar o paro

A deputada do BNG censura a actitude “pasiva, resignada e indiferente dun Goberno que se limitou a avisarnos de que o paro empioraría neste ano 2013, e non presentan actuacións para combatelo. Precisamente porque tiña unhas previsións tan negativas, tiña que ter posto en marcha mecanismos de loita contra o desemprego e non me vale que nos remitan á reforma laboral que é unha das culpábeis de que se continúen engrosando as listas de parados”.

Olaia Fernández Davila demandou a Fátima Báñez que en lugar de “recontar desempregados, e seguer falando das bondades da reforma laboral, se poña máns á obra e leven a un Consello de Ministro un Plan de Loita contra o Paro e de creación de Emprego. Poden facelo, teñen instrumentos”.

A portavoz nacionalista pediu ao Goberno “menos venres de dor, e máis venres de eficacia”. Reclamou a retirada da reforma laboral “máis que fracasada, inútil e responsábel de centos de ERE´s”.