Davila:"O discurso de Rajoy foi exculpatorio, nada vai con el, nen o paro nen a corrupción"
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, cualificou o discurso do Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, de triunfalista, exculpatorio e negativo para os intereses das persoas.
Todo a costa dos sacrificios das persoas
Para Davila foi un discurso triunfalista porque se vanagloriou dos éxitos pero en ningún momento dixo como se lograron eses éxitos e foi a costa do sacrificio da poboación que sofre as políticas de recortes. Non dixo nada das vítimas dos recortes cando é a banca a que está a recabar os beneficios de tanto sacrificio.
En relación á política laboral, Olaia Fernández Davila censurou a reforma laboral do PP que vai contra os traballadores, é a costa dos traballadores que padecen a baixada de salarios, a precarización das condicións laborais e que levou a 6 millóns de parados. Reprochou ao Presidente do Goberno que se vanagloriase só da reducción do défice e de que ofrecese medidas ambigüas, inconcretas e que ademáis, ameazan á cidadanía con máis recortes.
A corrupción: Como se non fose con el
No que atinxe á corrupción, a portavoz do BNG no Congreso foi moi crítica coa intervención de Rajoy: O Señor Rajoy parece que pasaba por aí, que non vai con el nen a corrupción nen a mala situación pola que atravesan os cidadáns. Neste sentido, puxo de manifesto que o seu partido é o que está a dar a grande nota na corrupción. Non pode dicer que él está limpo, nen respostar á cidadanía sen facer a máis mínima autocrítica.
Sobre ás medidas anunciadas por Rajoy fronte á corrupción, Davila considera que non van resolver o problema do financiamento ilegal que o seu partido está a realizar.
Na cuestión referente ao modelo de Estado, a deputada do BNG reprochou ao Presidente do Goberno que diga que a Constitución está aberta a ser reformada cando do que fala é moi limitado. Afirmou Davila que para o BNG toda lei é susceitíbel de ser modificada, incluso a Carta Magna, e consideramos que se deben levar a cabo reformas partindo da realidade plurinacional do Estado e o recoñecemento da soberanía das nacións e dos pobos, nun momento no que a corrupción afecta á Coroa e ao Goberno.