Davila defende no Pleno as alternativas do BNG aos desaloxos: dación en pago, moratoria ou alugueres

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu no Pleno a alternativa do BNG ao proxecto de lei do Goberno para mellorar a protección aos debedores hipotecarios, e o drama social dos desafiuzamentos.

O BNG presentou emenda á totalidade ao proxecto de lei do Goberno sobre debedores hipotecarios e defendeu as propostas do BNG: Criticou o proxecto por consideralo insuficiente e por non facer as modificacións lexislativas precisas. Mencionou as críticas da xudicatura a este proxecto por non resolver os problemas de fondo.

Puxo de manifesto que no ano 2012 se incrementaron nun 134% as execucións por desaloxo. “Con estes antecedentes, seguen a crer que non se debe tocar a lexislación hipotecaria?. Saimos dun ano malo pero nos acabamos de meter nun que vai ser pior con case un millón máis de parados”.

A deputada do BNG advertiu do empioramento dos casos de impagos hiptecarios debido á perda de poder adquisitivo debido ás “brutais reducións salariais, con previsións de máis paro e máis crise económica por moito que o Goberno invente discursos optimistas”. Pediu que non se esqueza que “estamos aquí porque representamos aos cidadáns que nos deron o seu voto”.

O Goberno non está á altura das necesidades sociais

Davila lembrou que os avanzos no tema dos desafiuzamentos se deben “ao esforzo da cidadanía que se uniu para frear o que é unha auténtica barbarie. Foron os cidadáns e as plataformas anti desafiuzamentos os que fixeron posíbel que non “se silenciara o drama de moitas familias, coas súas accións lograron o Stop de moitos desaloxos”.

Con este proxecto a deputada do BNG considera que “o Goberno non está á altura das circunstancias. “Fronte a esa forza social, fronte á dignidade cidadán, só nos queda dicer que o Goberno non sabe estar á altura das necesidades da cidadanía. Fixeron un Real Decreto que é unha tomadura de pelo e non modifica a lei”.

A parlamentar nacionalista explicou o texto alternativo do BNG a este proxecto de lei para evitar o drama : a entrega da vivenda como pago da débeda hipotecaria contraída, o que chamamos dación en pago. O aprazamento do pago mentras non se superen as dificuldades económicas. A conversión en contratos de aluguer.

Lembrou que actualmente a entrega da vivenda como pago da débeda hipotecaria non significa o seu resarcimento total, “queda un saldo vivo a favor do banco que mantén a reclamación do pago pendente”. O BNG pide unha reforma da lei procesal hipotecaria porque “é a única maneira de abordar o problema en profundidade”.

 

http://youtu.be/YNKblTuYiMg