Davila cualifica a reforma fiscal de "cálculo eleitoralista" e critia a "cortedade de miras do PP"
Pénsese que despois de subir o IVE de maneira brutal neste dous últimos anos e asfixiar literalmente ás maiorías sociais da poboación, o Goberno do PP limítase a facer unha reforma fiscal para saír ao paso do varapao eleitoral que sufriu nas pasadas elecións europeas, unha reforma fiscal que casualmente non entrará en vigor até o 2015, ano de múltiples citas eleitorais.
Unha reforma que entrará en vigor no 2015, ano de citas eleitorais
Davila lamenta que máis unha vez se faga eleitoralismo barato cos impostos que é algo moi serio, e lamente que máis unha vez se perda a oportunidade de realizar unha reforma fiscal máis progresiva, redistributiva e máis xusta. Olaia Fernández Davila tomou prestadas as palabras pronunciadas o outro día por Rajoy para cualificar a reforma fiscal de política pequena e censurar a cortedade de miras do Goberno popular.
Desde logo, os grandes beneficiarios desta reforma fiscal van ser as rendas altas e as grandes empresas.
A deputada do BNG avanza que se as grandes empresas xa pagaban pouco dada a maraña de deducións existente, van pagar moito menos coa baixada do tipo efectivo. As grandes compañías van pagar menos impostos que as PEMES, o cal, puntualiza, xa di moito dun Goberno que atende coidadosamente aos intereses dos de arriba. De feito, sinala Davila, os que máis gañan van ser os máis beneficiados, por riba de mileuristas e de rendas baixas. Proporcionalmente, vanse beneficiar dun maior aforro fiscal.
En relación á perda de ingresos que vai conlevar esta reforma fiscal e que segundo todas os cálculos feitos se situará entre 5.000 e 7.600 millóns de euros, a deputada do BNG pregúntase cómo vai afectar esta redución da capacidade recadatoria nos servizos públicos, na sanidade e na educación. É evidente que o PP sempre baixa dun sitio para sacar doutro, e moito nos tememos que siga recurtando prestacións esenciais para a poboación, unha poboación cada vez máis empobrecida, con menos recursos, con salarios máis baixos.
Davila sostén que a diminución de ingresos que conlevará esta reforma fiscal é a antesala para incrementar os copagamentos en servizos sociais. Nese sentido, lembra que nos vindeiros meses vaise negociar o novo sistema de financiamento autonómico, e xa que através da reforma fiscal non se vai incrementar a recadación, suporá que as CC.AA terán que aceitar un marco cuns recursos á baixa para financiar servizos públicos fundamentais.