Davila apoia a entrega de 216.000 sinaturas no Congreso en contra da reforma da lei do aborto

Representantes do movemento cívico global Avaaz que conta con máis de 35 millóns de membros en todo o mundo, e no estado aglutina a máis de 1,5 millóns de persoas, entregaron de xeito simbólico no Congreso, dado que a lei aínda non entrou na Cámara, máis de 216.000 sinaturas en contra da reforma da Lei de Interrupción voluntaria do embarazo.
A sociedade non cuestiona a lei do aborto vixente
No acto, Davila reiterou a coñecida posición do BNG en contra do anteproxecto de Gallardón para rematar coa actual e avanzada lexislación en materia de aborto. Un anteproxecto reaccionario, regresivo, que conta cunha grande oposición social, recollida incluso en enquisas de todo tipo.
A deputada do BNG parabenizou á Plataforma por esta iniciativa que está a defender os dereitos das mulleres en saúde sexual e reproductiva, o dereitos das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e a adoptar as decisións sobre a súa maternidade de xeito libre. Tildou a proposta do Goberno de machista e reaccionaria e subliñou que non existe demanda social de ningunha caste para reformar a actual normativa sobre a interrupción voluntaria do embarazo. Está totalmente asumida pola sociedade que non a cuestiona nin demanda que se toque.
Para Davila o empeño do Goberno central en derogar unha lei que funciona se debe a outras razóns de índole ideolóxico integrista e en atención ás demandas da Conferencia Episcopal.