En Culturgal, Guillerme demanda "un maior compromiso e apoio da Xunta á cultura galega"

A deputada do BNG Carme Adán participando nunha das múltiples propostas de Culturgal

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou unha visita a Culturgal este mediodía “para expresar o apoio do BNG á cultura galega, apoio que practicamos dende o concello”.

O líder nacionalista, que estivo acompañado pola deputada Carme Adán, aproveitou para demandar á Xunta “un maior compromiso e apoio á cultura galega, xa que non é un dos seus eixos nin prioridades”.

O portavoz nacional lembrou que a cultura “ten interese en si mesma e por susposto tamén xenera postos de traballo”.

Pensións

O líder do BNG aproveitou para referirse ao “novo atraco a man armada do goberno de Rajoy baixando as pensións, cunha rebaixa que afectará máis a Galiza porque xa ten as pensións máis baixas que a media”.

Guillerme quixo especificar que esta medida se adopta no marco dun “incremento de prezos e do custe de vida para os pensionistas e na liña de saquear ao pobo para seguir dándolle cartos á banca”.

O portavoz nacional asegurou que se trata dunha medida “inxustificábel, indefendíbel” e criticou que “Rajoy, co silencio de Feijóo, se ceba nos sectores máis débiles e nós como BNG diremos que a esta política hai que facerlle frente”.

“Hai que acabar con eles ou se non eles acaban con nós”, concluíu.