Cosme Pombo: É de xustiza homologar os títulos anteriores ao Plan Boloña nos países estranxeiros
O Parlamento galego acorda por unanimidade instar ao Goberno central a elaborar as táboas de equivalencias para a hologación dos títulos univeristarios pre-Boloña en países estranxeiros
O deputado defendeu unha iniciativa para homologar os títulos universitarios anteriores ao Plan Boloña nos países estranxeiros
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe, na comisión de educación, recoñecer os títulos universitarios de plans anteriores ao Plan Boloña,nomeadamente os de enxeñería.
Para o nacionalista, é de xustiza este recoñecemento no marco de Europa porque afecta a moitos galegos e galegas e lembrou que no ano 2011 o Decreto establecía o prazo dun mes para iniciar o proceso de certificación.
O deputado asegurou que esta circunstancia está a afectar negativamente a un gran número de galegos e galegas á hora do recoñecemento da titulación en moitos países e dado que cada vez son máis os enxeñeiros e enxeñeiras que traballan en empresas galegas ou do Estado español con obras de enxeñería nos Países de América Latina, EE.UU, Canadá ou Oriente Medio, faise máis urxente a hologación.
Desiguladade e problemas de equiparación dos títulos univeristarios
A falta de recoñecemento da titulación provoca desigualdade e problemas de equiparación dos títulos universitarios no estranxeiro. O BNG entende, dixo, que resulta urxente adaptar a situación dos titulados/as aos outros países da U.E.
Ademais de ver rebaixada a súa cualificación profesional, engadiu, tamén mingua as posibilidades de atopar traballo acorde á súa formación, polo que reclamou do Parlamento galego instar ao Goberno do Estado a tomar as medidas necesarias na liña de equiparar canto antes, os títulos universitarios de Enxeñería co nivel 3 actual de Máster (MECES) e co EQF7.
Finalmente, o Partido popular anunciou o voto a favor da proposición non de lei do BNG cunha emenda que o deputado nacionalista aceptou por entender que a proposta é un paso adiante na procura da homologación dos títulos universitarios nos países estranxeiros.
Co texto definitivo consensuado polo PPdeG-BNG-AGE e PSdeG, o Parlamento de Galiza insta á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado coa finalidade de axilizar o proceso de elaboración das táboas de equivalencias e as correspondentes normas transitorias do Real Decreto 10 27/ 2011 do 15 de xullo polo que se establece o marco español para educación superior, a fin de homologalo ao marco europeo de cualificacións do ensino superior (enxeñería pre-Boloña EQF 7, e a que corresponda ao resto das titulacións.
O deputado do BNG asegurou que acordo acadado hoxe no Parlamento debe ser executado canto antes para recoñecer a titulación no estranxeiro das miles de persoas afectadas.