Cosme Pombo afirma que: Os orzamentos de Cultura son o camiño da sepultura.
Para o deputado nacionalista, estes orzamentos representan máis recesión e paro e menos Educación e Cultura
O deputado do BNG, Cosme Pombo rexeitou hoxe, trala presentación dos orzamentos Educación e Cultura, unhas contas para o 2013 que, ao seu xuízo, incidirán en máis recesión e paro e menos Educación e Cultura.
Para o parlamentario do BNG, os orzamentos de Cultura son o camiño da sepultura polo que reclamou a modificación do proxecto presupostario cunha maior dotación nas partidas.
Pombo criticou que o Partido popular afirme ter un compromiso coa cultura galega e en galego cando en realidade, segue estragulando as partidas destinadas ao seu desenvolvemento, vostedes reducen máis de 6 millóns de euros un orzamento dabondo escaso para as industrias e actividade cultural en Galiza.
Caída do PIB do 0,9% e aumento do desemprego
Tras analizar as diferentes partidas, o deputado afirmou que é a propia consellería de Educación e Cultura a que prevé unha caída no PIB do 0,9% e un importante aumento do desemprego situado no 21% 11.500 persoas máis.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG denunciou o recorte total do 3,8% para os orzamentos do 2013, un recorte co que o PP pretende, dixo, sepultar os nosos sinais de identidade.
Por outra parte, Pombo tamén se referiu os recortes do 30,6% nas actividades culturais e criticou que mentres se aplica a tesoira nestas políticas, a Fundación Camilo José Cela, entidade privada que recibiu un millón de euros para salvar un gran burato económico, agora aparece nos orzamentos como fundación pública, os creadores malviven e non reciben nin o 1% do que leva recibido esta fundación, manifestou.
Educación avanza na liquidación do Ensino público
Neste sentido, o deputado do BNG asegurou que a consellería volve reducir as partidas para educación un 6,6% menos que no 2012 que comparado co 2009 situase no 30%, máis de 600 millóns de euros.
Esta redución, engadiu, supuxo a desaparición de 322 unidades educativas, o peche de 46 escolas e 2.000 ensinantes menos e todo indica, apuntou, que este ano toca reducir outros 315 máis.
O parlamentario do BNG manifestou que os recortes defendidos polo titular de Educación seguen deteriorando a calidade do ensino público e a Universidade e afirmou que a proposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística resulta insultante para unha Comunidade con Lingua propia.
Pombo concluíu a súa intervención reclamando unha modificación do orzamento destinado a Cultura e Educación ao fin de paralizar o duro golpe que suporán estes recortes en todos os ámbitos culturais, educativos e lingüísticos en Galiza.