O Consello Nacional crea un grupo de traballo para recoller as achegas da militancia
Este grupo estará constituído por membros do Consello Nacional e celebrará a súa reunión nos próximos días nunha data por determinar.
Compre lembrar que o proceso de debate encetado polo BNG ten vocación de ser enormemente participativo e de, no seu momento, abrirse á participación de simpatizantes e de persoas representativas de distintos sectores sociais.
Guillerme: A fin do debate é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista
A respecto disto, e na súa intervención, o portavoz nacional do BNG, anunciou na súa intervención previa que estamos inmersos nun proceso de debate, mais non como paréntese na actividade ou ensimesmado en si mesmo. Un debate -precisou- que iniciamos nas asembleas comarcais, cun alto grao de participación e madurez, e cuxo fin é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista.
O BNG considera unha burla macabra o decreto sobre desafiuzamentos aprobado polo Goberno
Por outra parte, o líder nacionalista subliñou na súa intervención que que o primeiro responsábel da crise hipotecaria é a banca e o poder político que permitiu e alentou prácticas a todas luces inmorais; son responsábeis os gobernos: agora o do PP e antes o goberno do PSOE.
As persoas -advertiu- nin son responsábeis nin teñen que pagar as consecuencias de teren perdido o traballo, de veren reducidos os seus salarios ou da depreciación do valor dos seus inmóbeis.
O Decreto de Rajoy é unha operación cosmética que non cambia o substancial
E por iso, Guillerme afirmou que para o BNG é unha burla macabra o paripé PP-PSOE de aparente busca de solucións para para estes desafiuzamentos salvaxes; unha burla negra porque son os mesmos, PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago.
Neste sentido, cualificou de burla macabra o Decreto do Goberno de Rajoy sobre desafiuzamentos aprobado onte, pois nada resolve porque nada substancial cambia.
http://youtu.be/UV7v8sjDfvM
Pola contra, denunciou que trátase simplemente dunha operación cosmética inaceptábel.
Ante esta situación, anunciou que o BNG insistirá e combaterá e estará ao carón das vítimas para conseguir unha solución xusta, que pasa inevitabelmente porque a banca pague as consecuencias da súa mala cabeza, da súa avaricia insaciábel.
Nada positivo agardamos do novo goberno Feijóo
Por outra parte, Guillerme recoñeceu que o BNG non agarda nada positivo do goberno Feijóo, só máis do mesmo.
Neste sentido, o portavoz nacional prognosticou que Feijóo aplicará na Galiza a política de Rajoy; seguirá coa cantinela da austeridade para as clases populares; negarase a exercer as propias competencias, a exercer como presidente de Galiza, e menos aínda intentará alongalas; afondará na política de reseespañolización de Galiza e seguirá a mirar para outro lado mentres Galiza perde tecido económico e emprego a esgalla.
Unha política -avanzou- que combaterá decididamente o BNG e á que formularemos alternativas, porque para o BNG Galiza non é un país pobre, é un país empobrecido pola aplicación de políticas contrarias aos nosos intereses.
O Consello Nacional do BNG condena a nova agresión de Israel ao pobo palestiniano
Por último, o Consello Nacional aprobou por unanimidade a seguinte proposta de resolución:
O Consello Nacional do BNG amosa a súa solidariedade do pobo palestino e condena tallantemente a agresión israelí que estes días está a bombardear a faixa de Gaza e asasinando poboación palestiniana.
O BNG denuncia que diante da pasividade da chamada comunidade internacional, Israel volve empregar o sangue inocente dos palestinos nas súas compañas políticas, nun momento no que se vai votar na ONU o novo estatuto de Palestina e en xaneiro haberá eleccións en Israel.
Xa que logo, o BNG insta tamén ao goberno do señor Rajoy a non permanecer indiferente, a condenar estes ataques do Estado israelí e a defender activamente unha solución política e xusta para ese conflito.
O BNG, en consecuencia, chama á cidadanía a manifestarse contra estas agresións e en defensa do que é xusto: o Estado palestino.
Neste sentido, o BNG convoca concentracións en todas as cidades galegas o vindeiro luns no entorno das 20:00 horas.
http://youtu.be/vCxbx9G512I