Congreso

O Congreso debaterá este martes unha iniciativa do BNG para nacionalizar Alcoa

Néstor Rego defenderá na Comisión de Industria, Comercio e Turismo unha iniciativa presentada polo BNG na que demanda a nacionalización da factoría de aluminio e impedir así o despedimento dos seus traballadores e traballadoras.

O BNG reclama ao Goberno español a nacionalización de Alcoa, que volvería así ao sector público do que nunca debeu saír, como medida para garantir así o mantemento dos postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, anunciou que exixirá este martes na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, a través dunha Proposición Non de Lei a intervención pública da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao. “Atopámonos nun momento decisivo no que a nacionalización é agora, máis que nunca, a única saída para salvar a planta, despois de que a empresa comunicase a parada das cubas, a entrada nun ERE e o despedimento de 415 traballadores e traballadoras”, explica Néstor Rego.

O BNG leva desde que se anunciara o peche da factoría reclamando, quer no Congreso quer no Parlamento galego, a nacionalización da planta para retornala ao ámbito público, mantendo desta forma os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. “O Goberno español, conxuntamente co Goberno galego, debe pór sobre a mesa a nacionalización de Alcoa para salvar o complexo industrial e os empregos directos de máis de mil traballadores e traballadoras” salientou.

O pasado 11 de setembro, PSOE e PP votaron en contra doutra iniciativa que presentara o BNG no Congreso na que se instaba a apostar pola intervención pública da planta de aluminio no caso de fracasar a negociación con Alcoa para a súa venda. Despois do fracaso das negociacións, Rego explicou que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas”. Tal como o Propio Néstor Rego ten explicado, a nacionalización de sectores estratéxicos para a economía, cando estes están en risco é unha alternativa perfectamente viábel, e de feito, temos exemplos doutros gobernos europeos que aplicaron recentemente intervencións públicas en diferentes empresas, como o Goberno italiano para salvar unha fábrica similar en Sardeña ou a mesma vontade que tivo Angela Merkel en Alemaña para nacionalizar Lufthansa.

O deputado nacionalista asegurou que desde o BNG vaise facer toda a presión institucional posíbel para garantir un futuro digno na comarca da Mariña porque “é evidente que non se pode permitir que o goberno galego e o español laven as mans e non actúen coa contundencia necesaria nun momento crítico social e económico como este no que están en xogo milleiros de postos de traballo. A nacionalización é único camiño para salvar a comarca da Mariña”.