Ana Pontón reclama no Pleno do Parlamento a intervención pública de Alcoa
A portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, reclamoulle no Pleno ao presidente da Xunta “que non escorra o vulto e traballe xa pola intervención pública da factoría de Alcoa para salvar o emprego e a actividade industrial na Mariña.
Na intervención plenaria trasladoulles aos traballadores e ás traballadoras de Alcoa, das auxiliares e á xente da Mariña, todo o apoio, a solidariedade e a admiración, “porque durante estes meses están dando un exemplo de unidade, de compromiso e de dignidade, deixando claro que non van permitir que unha multinacional enterre o seu presente e o seu futuro”
“Os traballadores e as traballadoras e a comarca estiveron á altura; agora é o momento de que Xunta e Goberno central dean a talla, porque estamos no tempo de desconto e xa non valen os panos quentes, nin as declaracións de intencións”, afirmou Ana Pontón.
Deste xeito, reclamou que a Xunta actúe xa mediante unha intervención pública para garantir a produción e salvar os postos de traballo e toda unha comarca. “Porque se pecha Alcoa, non só van á rúa mais de mil traballadores, asina a acta de defunción da Mariña”, destacou.
Segundo explicou Ana Pontón, “esa intervención pública é posíbel, viábel e legal; só fai falta vontade política”. “A mesma que tivo o Goberno Italiano para salvar unha fábrica similar en Cerdeña ou a mesma vontade que tivo Merkel en Alemaña para nacionalizar Lufthansa”, destacou. Ademais puxo como exemplos o rescate da banca con 90.000 millóns de euros ou o rescate das radiais madrileñas con 5.000 millóns de euros.