Concentracións en apoio a Ana Miranda e en solidariedade con Palestina
Ana Miranda e o resto de tripulantes viaxan agora retid@s e incomunicad@s polas forzas armadas israelís até o porto militar de Ashdod. Cómpre aclarar que o asalto, en augas internacionais, vulnera os máis elementais principios do dereito marítimo internacional: é un acto de auténtica pirataría. Pola información que posuímos, o goberno israelí vai negar asistencia consular á súa chegada a Ahdod, e todo indica que Ana Miranda e o resto de activistas serán conducidos a un centro de detención baixo xurisdición militar.
Desde o primeiro momento, o BNG está a realizar xestións urxentes perante o Goberno español, Comisión Europea e Xunta de Galiza co fin de reclamar a seguranza, integridade e posta en liberdade de Ana Miranda e o resto de activistas internacionais. Rexeitamos rotundamente este novo acto imperialista do estado de Israel, e manifestamos a nosa plena solidariedade co pobo palestino.
Accións valentes como a de Ana Miranda teñen como obxectivo, xustamente, o de pór en cuestión a impunidade do estado de Israel e reivindicar o fin do bloqueo a Gaza.
O BNG e outras asociacións de solidariedade con Palestina teñen convocadas concentracións urxentes nas cidades galegas no día de hoxe. Expresemos a nosa solidariedade, e asistamos:
- Compostela: 20.30 horas na praza do Toural.
- Vigo: 20.00 horas no Marco.
- Ourense: 20.30 horas, Praza do Ferro.
- A Coruña: 20.00 horas no Obelisco.
- Pontevedra: 20.30 horas na Peregrina.