As comunidades de montes estarán incluídas nas axudas para traballos de prevención de incendios grazas ao BNG

Xosé Luís Rivas Mini

Xosé Luís Rivas cualificou o acordo de “primeiro paso” para materializar unha vella reivindicación das  comunidades de montes que non  dispoñen de axudas para realizar  traballos de prevención contra os lumes  

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou na comisión de Agricultura, celebrada no Parlamento galego que, “o lume se apaga no inverno” e hoxe con este acordo demos  “un primeiro paso” cara facer realidade unha vella reivindicación das comunidades de montes sobre as axudas nos traballos de defensa e prevención dos montes contra os lumes.

Rivas explicou que, habitualmente as axudas para os traballos de prevención dos lumes fanse  públicas nos meses de xaneiro e febreiro pero implican un  “un grande retraso” ao seren resoltas no mes de agosto, “na metade ou final da temporada de alto risco  de lumes”, polo tanto, as axudas, ao seu parecer,  “chegan tarde”.

AS  AXUDAS INCLUIRÁN OS TRABALLOS DE PREVENCIÓN DAS COMUNIDADES DE MONTES

Por outra banda, os traballos forestais  de prevención poden ser asumidos  por un gran número de comunidades de montes que  contan con material e empregados e como consecuencia, “impulsan o emprego local”, recalcou Rivas. Neste sentido, hoxe dende o BNG, explicou o nacionalista  instamos á Xunta a que os traballos, “obxecto das axudas”, poidan ser realizados “non só por empresas forestais, senón tamén polas propias comunidades de montes e as súas mancomunidades”.

O parlamentario advertiu que os acordos deben cumprirse e nese sentido, avanzou que o BNG seguirá moi de preto o cumprimento do acordo acadado hoxe no Parlamento para a súa inmediata  posta en marcha pola consellería de Medio Rural.