Campaña do BNG para desmontar o discurso interesado dunha GZ subsidiada dependente de "papa Estado"

Que non che coman o coco, temos un país de primeira

Baixo o lema Que non che coman o coco, temos un país de primeira, oBNG lanza unha campaña para reivindicar unha Galiza en positivo fronte á imaxe interesada da Galiza subsidiada e dependente de “papa Estado” que difunde o PP e “todos os que compran o discurso centralista de Madrid”.

“Que non nos conten milongas e sintamos o orgullo de ter un país de primeira”, proclamou a secretaria de Imaxe e Campaña, Montse Prado, quen reivindicou a “marca Galiza” fronte a marca España, na presentación da campaña que se difundirá masivamente por todo o país con folletos informativos e actos abertos á cidadanía, coincidindo co 36 aniversario da Constitución española, “que actúa como mordaza imposibilitando o dereito a decidir e a soberanía de Galiza”, denunciou.

Apelar á autoestima de ser galegos e galegas cun país capaz de gobernar o seu futuro e desmontar o “falso discurso” dunha Galiza subvencionada, pobre, que non pode valerse sen a muleta do Estado. A campaña do BNG desmente con datos concretos a recorrente falacia da solidariedade estatal.

Galiza recibe menos do que aporta ao Estado vía impostos, como demostra a última balanza fiscal que mostra unha recadación de 7.213 millóns de euros fronte a un investimento de 5.891millóns de euros. Igualmente, o país recibe tres veces menos fondos europeos que Madrid, pese a que son para a cohesión territorial e a renda e as pensións galegas están á cola do Estado.

En materia enerxética Madrid “é un burato negro” que absorbe a produción de electricidade, sen que as industrias ubicadas en Galiza se beneficien dunha tarifa eléctrica propia dun país produtor e exportador de enerxía. Mentres, as autoestradas galegas, dependentes do Goberno central, encabezan a lista das máis caras, e viaxar de Ferrol a Tui case duplica o custe de viaxar a Madrid.

O espolio dos recursos tamén inclúe ao aforro galego coa peor evolución da relación créditos concedidos a familias e empresas con respecto aos depósitos nas entidades financeiras. E o abandono do goberno central cando se trata de defender os intereses dos principais sectores produtivos, -agro, pesca e naval-.

“Pensemos en positivo, que non nos coman o coco con esa idea de que somos un país sen capacidade e sen potencialidade, como un país que precisa de papa estado para saír adiante como nos queren vender os que compran o discurso centralista e madrileño”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Pola contra, Vence salientou que “Galiza sairía adiante se tivera liberdade para organizar doutro xeito a súa economía, para xestionar os nosos propios recursos financeiros, os nosos impostos e para ter unha política autocentrada pensada desde aquí por un goberno que teña os pés e a cabeza en Galiza e que non estea sometido aos ditados do Goberno central ou de Bruxelas”.

O dirixente nacionalista puxo como último exemplo as xestións feitas polo BNG na Eurocámara en defensa do xeito, organizando unha delegación do sector a Bruxelas, abrindo a porta a que esta arte de pesca quede excluída dunha normativa que finiquitaba o futuro de 427 embarcacións. “As solucións non virán de Madrid, témolas que buscar nós”, concluíu.

Descarga o folleto da campaña.