O BNG rexistra novas iniciativas no Congreso para exixir que se respecte a toponimia propia da Galiza e reclama rectificar a información que ofrece a compañía aérea Iberia nos seus voos. O deputado do BNG, Néstor Rego, demanda do executivo que realice as xestións e negociacións oportunas para que a empresa respecte a legalidade vixente e respecte nas súas pantallas a bordo os topónimos galegos.
A compañía aérea, posúe aeronaves de fuselaxe ancha destinadas a voos intercontinentais. Estas teñen, en cada un dos asentos, pantallas con sistemas de entretemento que amosa, entre outras cousas, un mapa interactivo onde aparecen as distintas cidades, vilas e núcleos de poboación da ruta que segue o avión. Os topónimos amosados cando atravesa Galiza non son os oficiais, senón que aparecen formas incorrectas e deturpadas.
“As leis e decretos que fixaron as denominacións oficiais na Galiza son de obrigado cumprimento tanto para entidades privadas como pública, porén, máis unha vez temos que denunciar a vulneración da toponimia galega, neste caso, por parte da compañía aérea de Iberia” remarca o deputado do BNG. É a Administración pública quen ten o deber de velar polo cumprimento xeral das normas e, polo tanto, o Goberno do Estado debería garantir que as distintas empresas que operan no Estado español respecten as leis vixentes no territorio.
Hai que ter presente que, aínda que Iberia é agora unha compañía enteiramente privada, segue a recibir axudas públicas por considerarse unha empresa estratéxica, así, por exemplo, o ICO concedeu a Iberia avais sobre o financiamento por un máximo de 750 millóns de euros, a SEPI destinou a redor de 70 millóns para completar o proceso de ampliación de capital de 2.750 millóns de euros grazas ao que mantén 2,5% na compañía e tamén cabe destacar as axudas na operación de compra de Air Europa. Resulta aínda máis grave que unha empresa que goza de colaboración económica por parte do Goberno do Estado para o seu sostemento debe cumprir coa legalidade vixente e que o executivo pode negociar e adquirir o compromiso de respectar a integridade da toponimia galega.
Por este motivo, a formación nacionalista reclama ao executivo estatal que leve a cabo “todas as xestións e negociacións necesarias para que a empresa modifique a información ofrecida até o de agora”. Rego destaca que, para moitas persoas que chegan a Galiza en avión, esas pantallas, “esa información que reciben é unha das primeiras referencias sobre o noso País. Debe garantirse que coñecen a realidade e a cultura galegas, o seu idioma, caracteres propios e a súa toponimia real”.