BNG urxe medidas contra as deficiencias nas infraestrutura dos centros educativos de Ponteareas e as comarcas do Condado-Paradanta-Louriña
A deputada do BNG, Cristina Fernández lamentou que o Partido popular non apoiara a proposta nacionalista para resolver as deficiencias nas instalacións dos centros educativos de Ponteareas e a súa comarca.
Fernández xustificou a reclamación lembrando que a Xefatura territorial de Educación en Pontevedra e propia consellería de educación, coñecen a situación e que no 90% dos casos, os centros foron construídos na metade do século pasado, e mesmo algúns foron doados por emigrantes para permitir o acceso á educación de nenos e nenas do rural.
“Os edificios carecen dos elementos máis elementais de illamentos nos solos, paredes, carpinterías exteriores, cubertas e precisan reformas nos interiores”, recalcou.
En concreto, explicou que hai moitas escolas unitarias das parroquias nas que “entra auga a través dos tellados cada vez que chove, e aínda que puntualmente as pequenas reparacións son asumidas polos concellos, o problema pode solucionarse “cun cambio completo das cubertas para eliminar as filtracións e humidades”.
Son escolas unitarias integradas en Cras (centros rurais agrupados) como o cra A Picaraña de Ponteareas (con 6 unitarias e unha sede/biblioteca), cra As Landras de Salceda de Caselas ou o cra a Lagoa en Salvaterra de Miño, ademáis das unitarias de Taboexa e Rubiós. Na súa opinión, todos os centros mencionados “deben pasar por pasar unha ITV técnica para constatar as obras necesarias de eficiencia enerxética e actualización das instalacións no interior”.
Cristina Fernández tamén se referiu os servizos dos que carecen outros centros entre os que saliento dous en Ponteareas sen ximnasio e aula de psicomotricidade (o Ceip Feliciano Barrera de Guláns e o Ceip de Santiago de Oliveira), ambos situados no rural.
Centros, insistiu a deputada que carecen das instalacións axeitadas para poder ofertar comedor escolar, un dos servizos máis demandados polas familias para a conciliación e que equilibraría o reparto do alumnado nos centros para que as ratios non sexan excesivas nalgúns deles e haxa que pechar aulas noutros.
En Mondariz balneario, dixo, atopamos a mesma situación no Ceip Nosa Sra. de Lourdes, un centro sen instalacións para ximnasio, pero comparado cos anteriores, este colexio dende a pandemia sanitaria medrou en alumnado, de 23 nenas e nenos aos 57 no presente curso escolar e cunha demanda importante de comedor escolar, pero “sen instalacións para poder implementar este servizo”.
A deputada do BNG reclamou a Educación que asuma as súas competencias e realice as obras máis urxentes e necesarias para que impartir docencia e asistir a aula non sexa unha misión imposible nas escolas unitarias do rural nas comarcas do Condado-Paradanta.
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Felisa Rodríguez anunciou o voto en contra por considerar que xa se están acometendo as obras necesarias ao que a deputada do BNG respondeu cunha primeira crítica á portavoz popular por non respectar o topónimo Ponteareas e criticou que a actual alcaldesa deixou sen atender durante todo o verán “o mantemento de todos os centros educativos” a pesar de ser a súa competencia.
Para a nacionalista, o único que planificou o PP “foron recortes” e aproveitou todas as ocasións para pechar aulas e centros educativos, e tamén desviaron fondos públicos para manter aulas concertadas en centros privados.
Cristina Fernández asegurou que o PP non inviste nos concellos que non son da súa cor política e nos últimos 8 anos, en Ponteareas só foron cambiadas dúas cubertas en dous centros educativos, a pesar de ter pedido a súa reforma integral dende o ano 2009.
A nacionalista rematou a súa intervención preguntando que criterios utiliza o PP para priorizar os centros que precisan arranxos nunha vila con máis de 4.000 menores e volveu a lamentar que o PP non teña en conta a urxencia á hora de acometer as obras necesarias para resolver os graves problemas das infraestruturas.