BNG urxe a Demarcación de Costas a resolver a concesión administrativa sobre as carpintarías de ribeira da Seara en Moaña
Néstor Rego visita o concello do Morrazo para coñecer de primeira man o estado actual do proxecto de humanización da Seara que inclúe a rehabilitación das carpintarías de Casqueiro e Carlagho.
O deputado insta a axilizar os trámites da concesión paralizados durante anos para poder acometer os proxectos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade de Moaña para coñecer os proxectos de humanización e rehabilitación da Seara e as carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho. Neste sentido, Rego reclama ao Goberno do Estado, de quen depende a Demarcación de Costas, que axilice os trámites da resolución administrativa que permita a concesión das carpintarías que foi solicitada en 2019 e así poder executar a rehabilitación de toda a zona da Seara e integrar tamén estas edificacións.
A zona da Seara, un espazo céntrico no concello de Moaña e próxima á beira do mar, é o único tramo en que o paseo marítimo da vila se interrompe da parroquia de Tirán até Meira. Para poder levalo a cabo, a equipa municipal redactou un proxecto para a humanización da zona coa creación dunha gran praza pública de preferencia peonil. Nesta contorna existen dúas antigas carpintarías de ribeira- a de Casqueiro e a de Carlagho- protexidas por patrimonio como bens etnolóxicos dentro do catálogo de patrimonio cultural da Galiza das carpintarías de ribeira.
“Non é aceptábel que o proxecto leve dous anos parado pendente dunha confusa tramitación administrativa que case parece evidenciar una falta de vontade política por parte do Goberno do Estado para pór o proxecto en marcha” remarca Rego. De facto, a última noticia respecto disto foi a apertura do trámite de exposición pública suspendida en marzo de 2020 por mor da pandemia. “Mais non pode ser que un ano despois e podendo realizar as oportunas contestacións ás alegacións que se puideron presentar aínda non estea resolto o expediente favorabelmente” subliña o deputado nacionalista.
Por este motivo, o deputado do BNG rexistra iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que axilice os trámites pendentes e lograr unha pronta resolución que permita acometer tanto o proxecto de humanización na zona da Seara como a rehabilitación das antigas carpintarías de ribeira.