BNG traslada aos traballadores de Navantia o seu compromiso para dotar de máis investimentos os estaleiros públicos e diversificar a actividade
Néstor Rego e Mon Fernandez avogan por dotar ao sector do necesario apoio en I+D+i a través dun Centro Tecnolóxico do Sector naval
O BNG recolle as reclamacións do Comité para facer un fronte común na potenciación de Navantia Ferrol como motor industrial da comarca de Ferrol e para toda Galiza
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego e o candidato nº catro pola provincia da Coruña, Ramón Fernandez mantiveron un encontro con traballadores de Navantia co fin de trasladarlles o compromiso do BNG cos estaleiros públicos. Neste sentido, avogaron por reclamar máis investimentos e diversificar a actividade con máis carga de traballo civil e non exclusivamente militar.
O candidato nacionalistas reiterou que urxe garantir o futuro da actividade industrial de Navantia “apostando pola diversificación dos traballos, incluíndo a construción naval civil” e mellorando a modernización das instalacións de Navantia na ría de Ferrol como xa demandou e defendeu en diversas iniciativas o BNG no Parlamento galego e Congreso dos deputados.
Na reunión, solicitada polo Comité de empresa de Navantia Ferrol ao grupo parlamentar do BNG, foron abordadas entre outras cuestións: os investimentos para novas infraestruturas e equipamentos e o novo dique para a área de reparacións xa que na actualidade, Navantia conta con 1 único dique de grandes dimensións pero precisa doutro máis. De feito, a carencia dun dique destas características provocou que foron rexeitando 6 contratos anuais de media por falta de capacidade.
Por outro lado, urxe completar a modernización do estaleiro comprometida, e a construción do novo taller de bloques. Potenciar a área de Turbinas para que teña capacidade de deseñar produtos propios e competir no mercado da descarbonización.
Plans de formación de profesionais
O candidato nacionalista avanzou o compromiso para a potenciar Navantia dende un goberno liderado polo BNG e afirmou que tras esta reunión, “recollemos as reclamacións do Comité para facer un fronte común na potenciación de Navantia Ferrol como motor industrial da comarca de Ferrol e de Galiza”.
Mon Fernández e Néstor Rego trasladaron ao Comité de empresa de Navantia a súa intención de implicar á Xunta coas necesidades de Navantia, comezando por solicitar a entrada da Xunta no Consello de Administración, tal como prevé o Estatuto de Autonomía da Galiza na participación das CCAA nos organismos de dirección das empresas públicas con presencia nos seus territorios.
O candidato nacionalista remarcou a aposta decidida do BNG “polo impulso tecnolóxico como panca para gañar en competitividade e recuperar actividades”, tanto na construción naval civil, nos segmentos de maior valor engadido, como na área de Turbinas, e da eólica, a través do “deseño de produtos propios dirixidos ao mercado que abre a descarbonización da mobilidade marítima e da economía en xeral”.