O BNG traslada ao Parlamento as consecuencias dos arrastres polas choivas á ría de Arousa, despois dos incendios, e pide compensar ao sector do mar polas perdas
O portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez alertou das consecuencias sobre o sector do mar polos arrastres das choivas á ría de Arousa, tras a importante vaga de lumes e reclama compensacións para o sector afectado.
A través dunha pregunta ao goberno, a nacionalista explicou que pasados uns días da estabilización dos graves lumes do pasado mes de agosto que queimaron máis de 2.200 hectáreas na comarca da Barbanza, representantes das confrarías e agrupacións de mariscadoras do norte da ría de Arousa fixeron público o seu temor pola afectación da ría e bancos marisqueiros.
Esta preocupación, xunto con outras demandas, afirmou a deputada, foi trasladada ao conselleiro de Medio Rural a través dos alcaldes da Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte nunha reunión o 17 de agosto coincidindo co anunciou público de Augas de Galiza en Coordinación coa Consellería de Medio Rural para inspeccionar diferentes puntos afectados.
Sen embargo, explicou a nacionalista, a principios de setembro coa chegada das primeiras choivas ”confirmáronse os peores presaxios e os restos dos incendios chegaron á ría de Arousa a través, principalmente, dos ríos Pedras, na Pobra do Caramiñal, e Coroño, en Boiro”.
A Consellería de Medio Rural, criticou a deputada, apurouse a facer público que a turbidez da auga na ría non era produto da cinza e os propios técnicos do CIF de Lourizan afirmaron que se debía a “terra dos camiños e sedimentos que había nos ríos”, defendendo incluso que “os sedimentos chegaron á ría antes dos incendios”, versión coa que non concordaban os patróns maiores que insistían en que se percibía cinza en suspensión no mar.
A pesar de todas as imaxes que puidemos ver durante aqueles días, a Consellería do Mar apoiou as declaracións de Medio Rural e asegurou que seguirían vixiantes.
As choivas, engadiu a deputada, “volveron a mediados de outubro e este mesmo luns, a Confraría da Pobra do Caramiñal facía público que o banco marisqueiro da praia dos Raposiños tiña, nalgúns puntos, unha capa de lodo e cinzas dun metro de altura”. O martes, despois de tentar limpar a zona afectada con maquinaria contratada polo Concello da Pobra e sen que a Consellería do Mar se puxese aínda en contacto con eles, “xa daban gran parte do marisco por perdido” e se descoñece o verdadeiro alcance dos danos e a afectación. Neste sentido, Rosana Pérez preguntou que medios porá a disposición a Consellería do Mar para as Confrarías afectadas e como serán abordados os dados nos bancos marisqueiros para a súa limpeza e recuperación.
O BNG arrinca un compromiso de axudas á Directora Xeral de desenvolvemento Pesqueiro
Tras as preguntas da deputada do BNG, a Directora Xeral de desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, anuncio o compromiso da Consellería de convocar axudas para paliar as consecuencias provocadas polas choivas por “sedimentos, lodos e material vexetal acumulado”. Rosana Pérez recalcou que todos estes materiais aparecen o ano no que se producen os incendios ao igual que “os arrastres” tras as primeiras choivas. Na súa opinión, resulta “contraditorio” que os técnicos aseguren que os materiais son previos aos incendios cando durante un gran número de anos nunca apareceran.
Por outra parte, a deputada tamén replicou a Rodríguez que os datos referidos sobre o marisco recollido durante os meses de setembro até novembro deben ser comparados cos recollidos en períodos diferentes, “referencia que a Consellería do Mar non fixo”, afirmou.
Finalmente, a deputada do BNG considerou que tanto a Consellería do Mar como Medio Rural deben poñer os medios necesarios ante a carencia dos concellos e lembrou que concello da Pobra alugou medios para a limpeza que puxo a disposición da Confraría ao que sumou outros labores no monte contra os incendios.
A parlamentaria nacionalista afeou a falta de “prevención” das consellerías do Mar e Medio Rural e volveu a reclamar medios para impedir os arrastres de restos vexetais e lodos que rematan na ría.