O BNG solicita a demisión do alcalde de Lugo pola súa imputación na operación Pokemon

O Bloque Nacionalista Galego solicitou esta mesma mañá a demisión do alcalde de Lugo, o socialista José Clemente López Orozco, como consecuencia da súa imputación xudicial na chamada operación Pokemon. En declaracións aos medios de comunicación, o voceiro do BNG no Concello de Lugo e tenente alcalde, Antón Bao, explicou que esta decisión foille transmitida persoalmente esta mañá ao propio alcalde.

En declaracións aos medios de comunicación na propia Casa do Concello e acompañado pola tamén concelleira nacionalista Paz Abraira, Antón Bao, afirmou, en sintonía co expresado xa esta mesma mañá polo portavoz do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, que “o Bloque Nacionalista Galego considera que por hixiene democrática cada cada vez que se produce unha imputación dun cargo público, a persoa afectada debe dimitir, sen que isto prexulgue a culpabilidade ou non da persoa imputada”, dixo. É máis, Bao reiterou que “o BNG defende o dereito á presunción de inocencia de todo o mundo”.

En relación a se esta decisión implica a saída do BNG do Goberno municipal, o voceiro nacionalista aclarou que nos vindeiros días o Bloque Nacionalista Galego reunirá aos seus órganos de dirección locais e aos militantes do BNG na cidade de Lugo para analizar a situación e tomar unha decisión ao respecto. Con todo, Antón Bao deixou claro que “a petición de demisión ao alcalde non implica unha decisión nun ou noutro sentido” e reiterou que será a militancia do BNG a que decida.

Finalmente, o voceiro nacionalista explicou que tanto “os motivos da imputación do alcalde” como “os feitos investigados polo Xulgado no Concello de Lugo en relación a este caso” corresponden a mandatos anteriores nos que o BNG non estaba no Goberno do Concello. “A operación Pokemon investiga asuntos que son anteriores á entrada do BNG no Goberno municipal e polo tanto nada teñen que ver coa xestión do concelleiro e a concelleira do Bloque neste Goberno”, quixo deixar claro Antón Bao. O Bloque Nacionalista Galego xestiona no actual Goberno municipal de Lugo dúas áreas de Goberno: Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e Infraestruturas e Axenda 21.