O BNG rexeita a moción de censura en Viana do Bolo e pide a PSOE e PP que rectifiquen
Noa Presas cualifica de “feito grave” e “atentado democrático” non respectar a vontade dos veciños e veciñas que escolleron, nas pasadas eleccións, un goberno progresista encabezado polo BNG
Acusa a PP e PSOE de “complicidade” para fortalecer o “baltarismo” na provincia de Ourense
A deputada e membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas afirma que os veciños e veciñas de Viana do Bolo elixiron un goberno progresista encabezado polo Bloque Nacionalista Galego, vontade que agora o Partido popular e PSOE non queren respectar. O BNG rexeita a moción de censura e pide a PP e PSOE que rectifiquen para non levala adiante.
Para a deputada nacionalista, a moción representa “un atentado democrático ” e responde á intención de fortalecer “o baltarismo” na provincia de Ourense. Presas cualifica a moción de “feito grave” e lembra que o día 15 de agosto tivo lugar unha negociación entre as direccións do Partido socialista e o BNG na que o rexedor nacionalista, Secundino Fernández defendeu un acordo de goberno polo que resta de lexislatura. A parlamentaria do BNG pide ao PSOE que impida que prospere a moción de censura en Viana do Bolo e considera “inadmisible” que algúns dos membros do PSOE que asistiron a reunión, agora asinen a moción.