O BNG remite os balances dos centros de Navantia a Feijóo e ínstao a exercer de Presidente

Carme Adán cualifica de “espectáculo lamentábel” a viaxe a Madrid dos alcaldes do PP galego e cargos do Goberno de Galiza para pedir carga de traballo

A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán cualificou hoxe, ante os medios de comunicación en sede parlamentar de “lamentábel espectáculo” o ofrecido polos alcaldes do PP galegos e cargos do Goberno galego desprazados en Madrid para reclamar carga de traballo.

Adán anunciou que o BNG, hoxe mesmo, remitiu ao Presidente da Xunta os balances dos diferentes centros de Navantia para evidenciar que se “os estaleiros galegos non funcionan é porque o Presidente da Xunta non exerce como tal”.

A deputada recriminou a “postura pusilánime” de Feijóo ante o Presidente do Goberno central do que dixo, “aínda non vimos ningún aceno do mandatario galego ante Rajoy para resolver a dramática situación do Sector naval galego”.

A parlamentaria explicou que Navantia reduciu a súa masa salarial nun 5,8% nos últimos 5 anos, mentres en Madrid aumentou a plantilla dos servizos administrativos un 25 por cento e “Navantia conta con 63 millóns ao seu favor fronte os 300 de Cartaxena en negativo”.

Neste sentido criticou que a pesar dos datos, o Consello de Ministros ofertara 700 millóns de euros para o submarino Cartaxena e “cero euros para o dique flotante galego”, é unha “vergoña” o espectáculo que está a dar no Partido popular, reiterou.

O BNG insta ao Presidente da Xunta a resolver co Presidente do Goberno central a falta de cargo de traballo no naval galego e deixe de utilizar “a cortina de fume” do veto de Europa para a construción do dique flotante en Ferrol porque, explicou, “ na cidade de Brest foi construído un dique flotante para reparacións navais utilizando fondos públicos” e Feijóo tamén pode introducir nos orzamentos unha partida para o dique galego, concluíu.