O BNG reclámalle a Feijóo que derrogue o decreto do plurilingüismo e non manipule as sentenzas
A parlamentaria recórdalle que o mal chamado decreto do plurilingüismo, aprobado unilateralmente polo PP, tivo o rexeitamento masivo da sociedade galega, que levou adiante manifestacións moi numerosas contra o mesmo -convocadas pola Plataforma Queremos Galego-, unha folga xeral no ensino e o posicionamento contrario de entidades como a Real Academia Galega, o Consello Consultivo ou o Consello Escolar de Galiza.
As sentenzas cuestionan a aplicación do decreto
As diferentes sentenzas que ditou o TSXG, afirma a nacionalista, dan a razón a quen cuestionaron o decreto e declara ilegais os instrumentos que aprobou a Xunta para levar adiante unha política de eliminación do galego, singularmente nunha etapa fundamental como é o Ensino Infantil.
Mentiras, manipulación e ilegalidades da Xunta contra a lingua galega
Desde o BNG, dixo, as sentenzaa deixaron ao descuberto as mentiras, manipulacións e ilegalidades empregadas pola Xunta de Galiza na súa cruzada contra o idioma galego e desautorízaa, no fondo e na forma.
Pontón lamentou, no seu nome e no do BNG, que o Presidente da Xunta teime en intentar manipular a realidade e o contido e alcance das sentenzas.
Hai que lembrar, engadiu, que estas sentenzas van na liña doutros pronunciamentos realizados por outras institucións. O máis recente, lembrou, o terceiro Informe do Consello de Europa na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, neste Informe, critícanse duramente as regresivas decisións que en materia lingüística ten adoptado o PP nos últimos anos e denuncia o retroceso do idioma galego en diferentes ámbitos.
A deputada indicou que, concretamente no ensino, o informe descualifica o Decreto 79/2010, por constatar a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio.
Derrogar o decreto como punto de partida
Asemade, as e os expertos europeos esixen un incremento do número de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega.
Para a parlamentaria nacionalista, si o PP quer retomar a senda do consenso en materia de lingua o punto de partida non pode ser este decreto, masivamente rexeitado pola sociedade galega e a comunidade educativa. O punto de partida, manifestou, deben ser o respecto ao Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da lingua galega e a propia Carta Europea das linguas.
A lingua galega, concluíu, require de políticas de apoio e de fomento da súa normalización, algo que o Sr. Núñez Feijoó, á vista das súas declaracións tralo Consello da Xunta, non parece disposto a asumir nin facer.