BNG reclama a PSOE “máis axilidade e maior concreción” para cumprir o acordo de investidura

Reunión comisión seguimento

Segunda reunión para o seguimento BNG-PSOE para avaliar as actuacións pactadas e recollidas no acordo de investidura

A frente nacionalista constata que existen partes do acordo que están cumpridas ou en fase de cumprimento, mais exixe ao PSOE maior compromiso para executar as actuacións pendentes “que se poden realizar xa, como as novas bonificacións da AP-9”

O BNG pon en valor as actuacións conseguidas en distintas materias como máis financiamento do Estado para a EDAR de Compostela e o Consorcio de Santiago, mellora da seguranza viaria coa eliminación de puntos negros na rede viaria ou o inicio da tramitación para o estudo para a implantación das cercanías ou da conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela.

O Bloque Nacionalista Galego mantén a segunda reunión co PSOE para facer o seguimento do acordo de investidura e do grao de cumprimento das actuacións previstas. A frente nacionalista constatou que existen partes do acordo que están xa cumpridas mais sinala que existen outras en proceso de cumprir e que mesmo algunhas, como as novas bonificacións da AP-9, non se fixeron aínda mais que se podían ter executado. Neste sentido, o BNG exixe ao Partido Socialista maior axilidade na execución e cumprimento dos compromisos acordados e máis concreción á hora de calendarizar e rematar as actuacións.

No marco de garantir a verificación dos termos recollidos no acordo de investidura conseguido polo BNG para a investidura, a frente nacionalista mantén unha segunda reunión cunha delegación do PSOE dando cumprimento á cláusula pactada entre as formacións que prevé reunións de carácter cuadrimestral. Por parte do BNG, a delegación estivo formada polo deputado do BNG, Néstor Rego, a senadora nacionalista, Carme da Silva, e o membro da Executiva Nacional, Rubén Cela.

En termos xerais, a organización nacionalista constata que existen partes do acordo de investidura que están cumpridas e mesmo que se están a cumprir segundo o estipulado -como a continuidade dos abonos de transporte en 2024 ou a suba maior das pensións- e aprema o PSOE a “desbloquear as actuacións que se poden executar de forma inmediata como é o caso das novas bonificacións da AP-9”. O BNG sinala que, neste sentido, a pesar de non ter orzamentos de 2024 existe xa unha partida dos orzamentos prorrogados “que permite a aplicación dos novos descontos a usuarios recorrentes”.

En materia viaria e ferroviaria, o BNG comprobou que se está avanzando en infraestruturas chave para a Galiza. Os viadutos da A-6, exemplifica o BNG, estarán rematados antes de finais de 2024, tal e como recolle o acordo, ao igual que existen actuacións para a mellora da seguranza viaria co obxectivo de eliminar diversos puntos negros das estradas do País: “actuacións valoradas en máis de 12 millóns para a A-52, obras de mellora nas N-540, N-120, N-550, N-634, N-525, N-640, N-541, etc”.

O BNG tamén confirma que, no relativo ás cercanías ferroviarias, o Goberno “está a tramitar a elaboración do estudo da implantación dun sistema de cercanías na Galiza”. Na mesma liña, sinalan o avance das actuacións para a modernización da liña Betanzos-Ferrol así como o impulso ao baipass de Betanzos, cuxo estudo informativo sairá a información pública neste ano 2024. “Tamén están iniciados os trámites para o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria entre Santiago e Lugo” asevera.

“Grazas ao acordo de investidura, o Goberno do Estado aumentou o investimento para a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela. Un compromiso xa asinado e materializado co Concello que aforrará 11,4M€ á veciñanza de Compostela” asevera o BNG. Así mesmo, o Goberno do Estado tamén aumentou o investimento no Consorcio de Santiago para os vindeiros anos e confírmase que a estación intermodal de Santiago pasarase a chamar “Daniel Castelao” -estando na fase final de tramitación- e mesmo existe o compromiso do Goberno para adecuar os espazos comúns para divulgar as obras artísticas, culturais e políticas de Castelao.

Impúlsase, evidencia a frente nacionalista, o desbloqueo do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín e, do mesmo xeito, comezan as obras en Pontevedra para a conexión coa Autoestrada do Atlántico, coñecida comunmente como a obra do nó de bombeiros.

En materia de lingua, o BNG sinala que existen avances significativos recollidos, entre outras cuestións, en novas leis que se están a tramitar como a Lei Orgánica do Dereito de Defensa. “A nova lei, grazas ás achegas do BNG, permitirá presentar emprender accións legais en galego e noutras linguas oficiais diferentes do español, ante os órganos con xurisdición en todo o Estado” afirma.

“Realizamos un seguimento de todas as cuestións que aínda non están cumpridas e coas que estamos e seremos especialmente exixentes co PSOE para que se leven a cabo” sinala a organización nacionalista. Para algunhas delas, explica o BNG, é necesario un novo proxecto de Orzamentos que “deberán recoller partidas específicas para se poderen realizar” mais existe vontade para executalas.