Congreso

BNG reclama liberar as peaxes da AP-9 no tramo Padrón-Santiago polas obras da N-550 no Milladoiro

Néstor Rego

Néstor Rego rexistra iniciativas para que o Ministerio de Transportes se comprometa a facilitar o tránsito das persoas usuarias que se están vendo afectadas polas obras

“As obras de humanización da travesía do Milladoiro son de longa duración, até finais de 2025, argumento suficiente como para liberar a principal vía alternativa” di Rego

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, libere de peaxes o tramo da AP-9 comprendido entre Padrón e Santiago de Compostela por mor das obras de humanización que se están a realizar na N-550 no Milladoiro, termo municipal de Ames. Néstor Rego, deputado do BNG, sinala que a única vía que realmente podería supor un alivio para a intensidade do tráfico, reducindo enormemente a presenza de vehículos na N-550 é a Autoestrada do Atlántico.

“O BNG leva tempo reclamando pór fin á concesión da AP-9 tendo en conta que a prórroga de 25 anos feita por un goberno do PP de Aznar é ilegal a xuízo da Unión Europea. Cremos, por tanto, de xustiza que se libere de peaxe toda a AP-9, unha infraestrutura xa suficientemente amortizada, que non debemos continuar pagando”, sinala Néstor Rego.

Ademais, mentres non se resolva a concesión, o BNG ten reclamado e conseguido medidas que permitan facilitar o tránsito e repercutir positivamente nas economías familiares e empresariais. “Resultado desa preocupación son as bonificacións que neste momento están xa vixentes na AP-9 e que deben ser neste ano incrementadas para as e os viaxeiros superrecorrentes, unha medida que é resultado do acordo de investidura conseguido polo BNG” lembra o deputado do BNG no Congreso.

Mais, alén destas reivindicacións e logros, a organización nacionalista tamén ten presentado outras propostas como a gratuidade das peaxes en determinados tramos da AP-9, tanto en iniciativas parlamentares como en emendas aos Orzamentos do Estado mais as forzas de obediencia estatal sempre votaron en contra impedindo que saíran adiante.

“As obras de humanización da N-550 á altura do Milladoiro, no Concello de Ames, teñen unha previsión de duración de máis de un ano: até finais de 2025. É dicir, máis de un ano de atrancos para a mobilidade por estrada” sinala o deputado do BNG. Esta situación afectará todos os vehículos que teñen que acceder ou saír polo sur de Santiago de Compostela xa que pasará de dous a un só carril por sentido nos tramos en obras.

A pesar da recomendación de itinerarios alternativos, evidencia Néstor Rego, non cabe dúbida de que “a única vía que realmente podería supor un alivio para a intensidade do tráfico, reducindo enormemente a presenza de vehículos na N-550, especialmente a de transporte pesado e de mercadorías, é a AP9”. É por este motivo que o BNG reclama o levantamento da peaxe no tramo entre Padrón e Santiago favorecendo así unha circulación áxil e segura de todas as persoas que deben usar no seu día a día o traxecto de Padrón a Santiago.

O Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, debe escoitar estas reclamacións que, tanto os axentes sociais como as persoas usuarias, están a demandar e levantar as portaxes neste tramo.