BNG reclama a intervención pública do sector eléctrico para baixar os prezos
Rego sinala que a electricidade é un ben básico que precisa de medidas urxentes para garantir custos asumíbeis
“De 178,92 a 455,90 euros; de 205 a 477”: denuncia Goretti Sanmartín a suba do prezo da factura da luz nun ano mentres as empresas eléctricas multiplican os seus beneficios
A organización nacionalista presenta a campaña “Os prezos soben, os teus cartos baixan” con medidas urxentes para paliar a suba descontrolada dos prezos e o empobrecemento das clases populares
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal da formación nacionalista en Santiago, Goretti Sanmartín, presentan a campaña de denuncia pola suba de prezos incontrolada que está provocando o empobrecemento das clases populares. Reivindican a adopción de medidas sólidas e urxentes para dar solución a este problema e que a organización nacionalista xa trasladou ao Goberno do Estado, a destacar a intervención pública no sector eléctrico ou a baixada dos impostos nos carburantes. Así mesmo, chaman a mobilización nacional convocada polo BNG para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Santiago de Compostela para que tanto o goberno galego como o do Estado actúen de forma inmediata e áxil para paliar a crise.
Goretti explica a campaña de difusión que o BNG está levando a cabo para explicar as medidas que a organización defende co obxectivo de paliar a crise de prezos. “Esta campaña culminará o vindeiro domingo, 3 de abril, cunha manifestación nacional convocada pola organización nacionalista en Santiago de Compostela, con saída da Porta do Camiño” destaca.
“Hoxe quixemos enfocar a nosa denuncia pola suba incontrolábel dos prezos da luz. Por iso a xente está protestando coas facturas da luz con cantidades substancialmente diferentes na do mes do ano anterior e a desta ano” explica a portavoz municipal. Sanmartín exemplifica esta suba cunhas das facturas: “de 178,92 a 455,90 euros; de 205 a 477”. Unhas cifras que se duplican nun ano e “nin a Xunta de Galiza nin o Goberno do Estado están poñendo e arbitrando medidas que freen esta situación”.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso denuncia que “cando hai milleiros de familias, negocios, pequenas e medianas empresas e mesmo autónomos nunha situación de crise, o Goberno diga que vai esperar para ver que medidas adoptan o próximo día 29”. Para Néstor Rego, hai tempo que o executivo tiña que ter tomado medidas e decisións, mais apunta a submisión da Administración estatal “que actúa ao ditado do oligopolio eléctrico” exemplificándoo co suceso do Real Decreto modificado en tan só un mes pola oposición mostrada polas eléctricas.
“Non é de recibo este comportamento por parte do Goberno. Neste último ano, as tres grandes eléctricas tiveron de beneficios 6.500 millóns de euros incrementándoos, en relación co ano anterior, en 10%” subliña o deputado nacionalista. Denuncia a situación mentres que as empresas eléctricas multiplican eses beneficios as familias non poden pagar a electricidade nun contexto de suba xeneralizada de prezos como carburantes, alimentos ou servizos.
O deputado nacionalista lembra as medidas que entregou aos representantes do Goberno do Estado na reunión mantida o pasado martes e na que trataron a suba incontrolada dos prezos da enerxía e os combustíbeis. Destaca a proposta para unha intervención pública do mercado eléctrico e nos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas para controlar os prezos e a garantía do acceso á enerxía como un ben básico. “Defendemos desvincular o mecanismo de fixación dos prezos do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool e estabelecer prezos máximos” enumera.
“Para alén, reclamamos unha Tarifa Eléctrica Galega como País produtor escedentario da enerxía eléctrica, así como quitar da factura todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da electricidade e, no medio prazo, unha regulación do sector eléctrico modificando os criterios do mercado marxinalista” enfatiza Rego. Mesmo sinala a necesidade de que existan empresas públicas que xestionen a enerxía e permitan modular máis facilmente o prezo da enerxía eléctrica.
No ámbito dos combustíbeis reivindica unha baixada temporal dos impostos dos hidrocarburos- máis da metade do custo- até que se estabilicen os prezos. “Baixar o IVE a superreducido dos produtos esenciais, alimentación ou servizos básicos porque é o lóxico. Hoxe a electricidade ou o gas son produtos esenciais” explica o deputado. Paralelamente, defende unha reforma fiscal para garantir “que pague máis quen máis ten” a través do imposto de Patrimonio, imposto para as grandes fortunas, etc.
“Chamamos o Goberno para que actúe xa” urxe Rego mentres apunta que o resto de países da contorna xa tomaron medidas para paliar a situación. “O Goberno galego tamén ten que comezar a actuar como un goberno deste País. Non pode pórse de perfil e debe facer moito máis do que está facendo a Xunta de Núñez Feixóo” conclúe Rego.