O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa reclamando ao Instituto Social da Mariña (ISM) garantir o acceso á formación sanitaria nos centros da Costa da Morte. Reclama prazas públicas suficientes para todos os armadores e mariñeiros para que poidan obter a titulación necesaria de maneira gratuíta, sen ter que desprazarse fora da comarca permitindo compatibilizar a formación co traballo. Ademais, exixe o mantemento e mellora da atención presencial integral nas oficinas.
O ISM continúa co desmantelamento dos centros situados na Costa da Morte que viron como se reducían os servizos aínda máis coas medidas adoptadas durante a pandemia. Así, a finais de 2020 deixouse vacante a praza de médico en Corcubión que impedía facer as revisións e que só se cubriu a praza pola presión e a mobilización social. A isto engádeselle o recorte de moitos servizos presenciais, que a día de hoxe, continúan sen prestarse e derívanse os trámites e xestións ás plataformas dixitais.
“A todos estas eivas, súmase agora o problema do acceso aos cursos de formación, unha cuestión fundamental para os mariñeiros e armadores da zona. Precisan ter o curso sanitario en vigor para poder exercer a súa actividade, curso que é necesario renovar cada 5 anos, debendo conseguir o novo antes de que caduque o anterior” explica o deputado do BNG. Esta formación require só un día, con todo, se caduca ou se trata da terceira renovación, o curso dura catro xornadas.
“Debido ás longas listas de espera, a formación caduca antes de que as persoas rexistradas poidan realizar os cursos, é dicir, debido á ineficacia e lentitude do servizo público que se ofrece, pérdese a oportunidade da renovación, obrigando a investir catro días de traballo para obter de novo o curso inicial” denuncia Néstor Rego. Sinala a falta de cursos suficientes para dar cobertura á demanda existente co que se obriga aos armadores e patróns a acudir a centros privados, en que “deben pagar entre 120 e 500 euros para poder realizar unha formación que se lles debería ofrecer de forma gratuíta”.
Para a formación nacionalista “resulta imprescindíbel que o Instituto Social da Mariña ofreza os cursos de formación sanitaria inicial -que son necesarios para poder saír ao mar- nos centros que posúe na comarca”. Con todo, séguese negando esta posibilidade, alegando a falta de medios. Desde a dirección provincial do ISM unicamente dáse a alternativa de desprazarse ata outros centros como os da Coruña ou Noia, o que supón un gasto en transporte e a perda de días de mar, ou que se acuda a teleformación, que non é accesible para todas as persoas ben por falta de medios ou dos coñecementos necesarios, que aínda así esixe unha parte presencial práctica.
“As Confrarías tamén puxeron a disposición do ISM os recursos e medios humanos e materiais necesarios para levar a cabo estas formacións, para dar solución ao problema de falta de profesorado que alega a empresa adxudicataria dos cursos, pero a dirección provincial do ISM non acepta tampouco esta posibilidade” continúa explicando o deputado nacionalista.
Esta situación obriga a moitos mariñeiros e armadores a desprazarse até centros privados para renovar a súa formación o que, para a organización nacionalista, supón unha grave discriminación posto que “este título debe poder cursarse de maneira gratuíta” ao ser un requisito para poder traballar. “Hai que permitir unha mellor compatibilidade entre horario laboral e formación para evitar que se deban sacrificar días de traballo no mar”, reivindica Rego, “e iso só pode lograrse se poden acceder aos cursos nun centro próximo”.