O BNG quer erradicar as touradas en Galiza porque "a tortura non é Cultura"
O BNG reclama unha reforma da lei de Protección dos animais para prohibir as touradas no territorio galego como ocorre en Cataluña e Francia
Acompañado da deputada nacionalista, Ana Pontón e o membro da Plataforma Galiza mellor sen touradas , Rubén Pérez , o portavoz parlamentario manifestou que a tortura non é cultura polo que defendeu modificar unha lei que permite utilizar a violencia e a morte de animais en espectáculos taurinos.
Neste sentido, afirmou que en Galiza non existe tradición na celebración de corridas de touros e a súa introdución, responde a un intento de homologación e asimilación cultural, vinculada a unha festa nacional na que prevalece a crueldade animal.
En Galiza non existe tradición taurina
Pola súa parte, Ana Pontón asegurou que cada vez existe maior sensibilidade en Galiza contra esta celebración e explicou que a Proposición de Lei nacionalista responde a dous principios, contra unha práctica allea a Galiza e as nosas manifestacións culturais e unha práctica cruenta, anacrónica e espectáculo baseado no sufrimento dun animal.
Para Pontón, a reforma proposta polo BNG incorpora principios de respecto, protección e defensa dos seres vivos e abre un debate social sobre a necesidade de erradicar no territorio galego as touradas como xa acontece en Cataluña e Francia.
Non hai afección e cada vez o seu impacto é menor, e a pesar diso, dixo, cada vez os eventos taurinos reciben máis subsidios.Pérez puxo de manifesta a contradición dunha lei que persegue a tortura de calquera animal (un can, un galo...) e resulta compracente coa crueldade contra un touro, estamos nun momento no que existe un gran apoio a abolición destes espectáculos, concluíu.
A crise económica e un posible estoupido social
A preguntas dos xornalistas sobre as medidas propostas polo Goberno de Rajoy e a crispación social contra o incremento do desemprego, Jorquera afirmou que segundo todos os datos, estamos cada vez máis cerca dunha hecatombe económica e a non ser que se produza un cambio de rumbo de 180º resulta evidente que se cumprirá o que xa avanzou o BNG dende o inicio da crise económica.
Cos recortes non se sae da crise, prolongase e fai máis difícil superala sentenciou polo que pediu un cambio de rumbo político para que non se produza esa hecatombe tamén social.
Jorquera lembrou que o BNG vén de presentar unha campaña baixo o lema Non é unha crise é un roubo para traballar cóbado con cóbado coa sociedade contra un modelo económico inxusto e con medidas ineficaces contra a crise.
O parlamentario do BNG indicou que debe producirse unha resposta social unitaria contra unhas políticas que consisten nun constante saqueo ao pobo polo que apelou a confluencias con outras forzas políticas e puntualizou que o BNG está aberto a coincidir estas forzas políticas propias para que no momento no que está en liza o modelo de Estado Galiza non fique fora dese contexto.
Sobre a proposta do Partido popular de reducir deputados na Cámara, Jorquera aseverou que se trata dunha cortina de de fume para agochar a relación de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado e busca incrementar a distorsión entre o que votan os cidadáns e o reflexo no Parlamento con mecanismos para que o Partido popular continúe mantendo a súa maioría na Cámara galega.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG cuestionou que a redución de deputados teña a súa base no aforro económico, se o PP quixera reducir gastos, dixo, suprimiría as Deputacións como pediu o BNG no último pleno, concluíu.