O BNG proporá no debate de política xeral un “pacto galego pola ciencia e a innovación” co 3% de investimento en I+D+i
No transcurso das VII Xornada de Parlamento Aberto organizadas polo BNG sobre a I+D+i como motor de desenvolvemento, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que no vindeiro Debate de Política Xeral previsto para os días 25,26 e 27 de setembro, o BNG proporá “un pacto galego pola Ciencia e a Innovación co 3% de investimento en I+D+i”.
Na apertura da xornada, a portavoz nacionalista destacou a importancia dos recursos na investigación pero tamén a orientación das políticas públicas, neste sentido, explicou que é necesario facer dende Galiza “unha xestión integra de todos os fondos en I+D+i”, recibidos dende os ámbitos europeo e estatal fuxindo da actual “política dispersa e complexa”.
Por outra parte, a nacionalista fixo fincapé na necesidade de introducir a perspectiva de xénero en toda acción dende o ámbito público, cumprindo un dobre obxectivo: “incorporar máis mulleres ao ámbito científico, e blindar por lei que as mulleres científicas non se vexan obrigadas a abandonar a súa carreira profesional polo feito de ser nais”.