O BNG propón pequenas plantas como a de Lousame para o tratamento dos residuos sólidos fronte ao modelo SOGAMA
O candidato do BNG salienta a necesidade de campañas de concienciación e implicación política para impulsar pequenas plantas de xestión de residuos en toda Galiza
Na súa visita ao Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos Sólidos de Lousame, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas asegurou que o futuro da xestión do lixo pasa pola creación de plantas para o seu tratamento como a de Lousame que atende a nove concellos do Barbanza e xera máis de 150 postos de traballo, na súa maioría, emprego feminino.
Para o candidato nacionalista, a planta de Lousame é “un modelo a seguir” fronte ao modelo “fracasado, ruinoso e insostible de SOGAMA” con millóns de toneladas de residuos tóxicos almacenados en montañas de lixo en Cerceda e incumprindo a lei europea, estatal e galega. Un modelo, dixo “baseado na queima de residuos e contrario a preservación do medio ambiente”.
O candidato do BNG, acompañado de concelleiros e concelleiras nacionalistas de concellos adheridos á Mancomunidade do Barbanza aos que dá servizo a Planta de Lousame, afirmou que resulta imprescindible defender este servizo básico e garantir o tratamento da materia orgánica para a elaboración de compost así como a reciclaxe de envases, vidro, papel, pilas, refugallos ou aceites. Neste sentido, puxo en valor o Plan Revitaliza posto en marcha polo concello de Pontevedra coa distribución de composteiros por toda a provincia e que xa superan os repartidos pola Xunta en todo o territorio galego.
Investimentos para avanzar no tratamento dos residuos
Tras a visita, o candidato do BNG mantivo un encontro co comité de empresa, traballadoras e traballadores da planta e membros da forza sindical CIG para abordar diversas propostas entre as que destacaron a necesidade de investir en recursos e material para seguir avanzando no tratamento dos residuos. Entre as demandas figura a adquisición de novos camións con acceso a distintas distancias das rúas, unha volteadora que facilite a aireación do material de compost e investimentos en contedores.
Rivas lembrou que é urxente combinar “a actividade económica e o medio ambiente” e ao seu xuízo, a planta de Lousame busca “calidade de vida e respectar o medio ambiente”. O candidato nacionalista amosou o seu compromiso de utilizar todos os medios ao alcance do BNG para que este tipo de modelo sexa posible noutras partes do territorio galego.