BNG propón que Ourense reciba 300 M€ do plan estatal para frear unha crise demográfica que ameaza o futuro da provincia
Pontón sintetiza en dúas palabras o trato do Estado e da Xunta con Ourense: “agravio e discriminación” en investimentos e infraestruturas
Demandan que a provincia teña peso específico no reparto dos fondos europeos de recuperación económica Next Generation
Considera un despropósito que as instalacións termais máis emblemáticas no corazón da Galiza termal estean pechadas, desaproveitando un activo
A portavoz nacional, Ana Pontón, repasou nun almorzo informativo en Ourense o trato que Goberno do Estado e da Xunta están dispensando na provincia, -en particular no referente a investimentos e infraestruturas-, que resumiu en dúas palabras: “agravio e discriminación”.
O exemplo máis recente, o Plan estatal fronte ao reto demográfico cun orzamento de 10.000 M€, que non menciona a Ourense pese a que lidera o ranking de perda de poboación no Estado español desde fai máis dun século, mentres se cita expresamente a territorios como A Rioxa, Castela-A Mancha ou Castela-León.
“Ourense non e Galiza tampouco, pese a que somos a segunda comunidade con maior índice de envellecemento, ao que se suma a perda continuada de poboación. Cada vez somos menos, e cada vez estamos máis envellecidos, pero nin así se menciona nin a Ourense nin a Galiza no plan estatal para facer fronte ao reto demográfico”, criticou Pontón, tras apuntar un dato “que fala por si só”: o índice de envellecemento do conxunto do Estado é do 126%, para Ourense é do 301%, case o triplo.
Un dato que o Bloque toma como referencia para cuantificar o que debería recibir a provincia do plan estatal: “o triplo da poboación equivalente, -isto é, ponderando criterios como o envellecemento ou a dispersión-, o que supón unha contía de aproximadamente 300 M€”, argumentou Pontón, tras insistir en que “non é tolerable que nun plan para combater á crise demográfica, Ourense non se mencione”.
Ademais, o documento do Goberno central aborda cuestións que son necesidades imperiosas da provincia como a mellora da conectividade das comunicacións, o apoio ao rural ou o desenvolvemento transfronteirizo. E mentres, “a combinación de despoboamento e envellecemento ten a provincia de Ourense nunha crise demográfica de tal dimensión que pon en perigo o seu futuro, que non se soluciona con declaracións de intencións por parte da Xunta, senón con recursos”.
Por iso, o BNG demanda a Feixóo facer efectivas as medidas de impulso económico comprometidas e que Ourense entre de cheo no financiamento extraordinario que van supoñer os fondos de recuperación europeos, Next Generation.
Pontón tamén citou como exemplo de discriminación que a entrada en funcionamento do AVE, supostamente este 2021, non vai chegar á terceira cidade do País “porque PP e PSOE, man a man, non fixeron os deberes” e a coñecida como variante exterior segue pendente. “Todo o máis que temos é un novo anuncio de licitación nos próximos meses, anuncio que tamén se fixo en 2019, e á vista esta o resultado”, sentenciou a líder nacionalista.
Finalmente, salientou que o BNG leva meses insistindo na importancia de que Galiza teña unha “estratexia útil e eficaz” no debate dos fondos europeos, con proxectos dirixidos a modernizar o sistema produtivo, ás PEMES, e a todos os sectores máis impactados pola crise. Na distribución deses fondos, -recalcou-, Ourense “debe ter un peso específico e propio”.
Por iso,Pontón destacou o proxecto estratexia da auga 2030 presentado polo Bloque recentemente na cidade das Burgas, coa creación dun cluster termal con base en Ourense e un investimento de 1.100 M€ que dinamizarían a economía desta provincia aproveitando unha das súas fortalezas. E neste sentido, respondendo a preguntas dos medios, cualificou de disparate “que ás instalacións termais máis emblemáticas no corazón da Galiza termal estean pechadas” facendo perder oportunidades á cidade , en relación ás instalacións termais das Burgas ou Outariz, situación da que responsabilizou tanto á Xunta como ao Concello.