BNG propón unha moratoria sobre o incremento do canon que deben pagar os concellos pola xestión das redes de colectores e estacións de depuradoras
Luís Bará instou á Xunta a financiar, xunto ao goberno central, concellos e deputacións provinciais obras de melloras durante o período da moratoria que fixou entre 3 e 5 anos
Lamentou que , unha vez máis, o PP penalice aos concellos con obras que non son da súa competencia
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu una proposición non de lei instando á Xunta a aprobar “una moratoria” na aplicación dos gravames, polo canon de xestión das redes de colectores e depuradoras, durante un período entre 3 e 5 anos para iniciar as melloras necesarias nas redes mediante un plan de investimentos cofinanciados pola Xunta, o Goberno central, os concellos e deputacións provincias.
A iniciativa incluía presentar, no presente período de sesións, un informe sobre os ingresos de Augas de Galicia polo canon de xestión das redes de colectores e canon de xestión de depuradoras, desglosando as cantidades de cada gravame e por cada concello.
O PP vota en contra de mellorar as redes obsoletas e ineficientes
Na defensa da proposta, que foi rexeitada polo Partido popular, o deputado explicou que os concellos que verten ás Estacións de Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) xestionadas pola Xunta, “viron incrementadas de maneira excesiva a facturación de Augas de Galicia” pola aplicación do canon de xestión que entrou en vigor tras a aprobación da lei do ciclo da auga no 2022, cun incremento en 31 concellos, na súa maioría costeiros, que verten as augas a 28 depuradoras.
A previsión, explicou Bará era incrementar a recadación do canon de xestión de da auga de 5,9 M€ a 12,4 Millóns de euros “por un gravame de nova creación” do Partido popular que debería ser asumido polos concellos e repercutido sobre as persoas contribuíntes.
Nos últimos meses, engadiu, os concellos afectados xa foron notificados dos novos gravames cos considerables incrementos e indicou que chama especialmente a atención que a Xunta aplique o canon de xestión da rede de colectores sen contar coa precariedade das redes municipais e a necesidade de investir para melloralas. “Investimentos que os concellos non poden asumir sen apoio doutras administracións”, asegurou.
O nacionalista cualificou o novo gravame do PP de “imposto á chuvia” nun contexto de “gravísima crise económica” para as familias e concellos. O Partido popular, en troques de “tirarlles un salvavidas, tíralle unha pedra para que se afundan aínda máis”.
Bará tamén lembrou que hai dous anos, o BNG advertiu no debate da lei do ciclo da auga que a situación sería inasumible para os concellos pero a conselleira continuou adiante coa medida, a pesar de seren unha conselleira “desacreditada” e comandar unha consellería cuestionada polo propio Consello de Contas e tribunais de xustiza ante o grande número de “irregularidades, ilegalidades e incumprimentos” na súa xestión.
Urxe cambiar as infraestruturas grises por infraestruturas verdes
A xuízo do deputado, a orografía e dispersión da poboación en Galiza fai necesario desenvolver un “novo modelo de redes de saneamento e depuración, substituíndo, sempre que sexa posíbel, as obsoletas e custosas “infraestruturas grises por infraestruturas verdes”, e adaptando o territorio galego a solucións baseadas na natureza.
Tras a intervención do portavoz popular Xosé Manuel Balseiro, que usou o seu tempo para criticar o acordo de investidura entre o BNG e PSOE, o deputado nacionalista volveu recriminar ao PP que diminuíra o orzamentos de Augas de Galicia en 43,9 millóns de euros. Esta decisión, afirmou, “é razón suficiente para que dimita toda a cúpula da consellería sabendo das necesidades de obras para saneamento e abastecemento”.
Bará tamén criticou que Balseiro mentira asegurando que non subiron os impostos da auga cando hai concellos que experimentan un grande incremento, unha subida que en opinión do nacionalista confirma o carácter “recadador” da Xunta.
Os concellos “non van a tolerar esta extorsión”. Urxe mellorar as redes de abastecemento e saneamento e logo subir os impostos pero o PP fai todo o contrario, concluíu o deputado do BNG.