BNG propón mellorar a protección das mulleres en risco de violencia machista
Olalla Rodil propuxo estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, mudar o sistema VioGén para impulsar a súa eficacia e reforzar o IMELGA
Cominou á conselleira de Igualdade a “non normalizar nunca e en ningún sitio ás persoas que negan a violencia de xénero”.
A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil propuxo mellorar “a protección das mulleres en risco de violencia machista” con medidas destinadas a mudar o sistema VioGén para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia, complementar as valoracións policiais con Informes forenses de valoración de risco de carácter urxente, reforzar e ampliar as plantillas dos servizos do Imelga para garantir que contan cos recursos públicos materiais, humanos e económicos necesarios para desatascar o colapso e estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, e non reducilo aos máis graves.
Rodil lembrou que a semana pasada mataron a Ana Vanessa Serén en Oia, a segunda muller asasinada por violencia machista en Galiza no que vai de ano a pesar de facer todo o que a sociedade lle pedía que fixera, “denunciou, pediu medidas de protección no xulgado e a xustiza concedeullas, contaba
cunha orde de afastamento de 300 metros en vigor e unha valoración policial de risco media”, a aínda así, “matouna”.
En opinión da nacionalista, “algo falla” cando despois denunciar e cunha orde de afastamento o teu asasino pode esperar por ti á porta do traballo, durante horas e matarte a tiros. “Algo non estamos facendo ben” reiterou a nacionalista.
Hoxe, preguntámoslle á conselleira de Traballo e Igualdade, que medidas cre a Xunta que poderían impulsarse para garantir unha mellor protección das mulleres en situación de violencia machista porque dende o BNG queremos formularlle varias propostas:
- Mudar o sistema VioGén para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia.
- Complementar as valoracións policiais con Informes forenses de valoración de risco de carácter urxente.
- Reforzar e ampliar as plantillas dos servizos do Imelga para garantir que contan cos recursos públicos materiais, humanos e económicos necesarios para realizar esas tarefas de maneira rápida e desatascar o colapso.
- Estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, non só os máis graves.
Estas propostas, explicou Rodil perseguen un triplo enfoque: Garantir a protección das mulleres en situación de violencia machista, anticiparnos para detectar situacións de violencia machista que non se coñecen, que non se denuncian e sobre todo, “ erradicar todas as formas de violencia de xénero e as desigualdades que están na base desa violencia”.
A deputada do BNG concluíu a súa intervención cominando á conselleira de Igualdade a “non normalizar nunca, e en ningún sitio a quen nega a violencia de xénero”.