BNG propón impulsar a conciliación incrementando as prazas das escolas infantís con recursos educativos e horarios compatibles coa vida
A deputada do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG presentará no Parlamento galego, unha proposta para defender o incremento da “ Rede de escolas infantís públicas e tamén os recursos de conciliación, especialmente nas contornas laborais para garantir que todas as nenas e nenos dispoñen deste recurso para facilitar que familias poidan conciliar”.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a nacionalista explicou que nas últimas semanas “as familias comezaron a solicitar praza nas escolas infantís para o próximo curso con ringleiras de persoas que agardaban para poder inscribir as súas fillas e fillos nalgunha das escolas infantís galegas”, pero moitas quedaron xa sen praza.
En Galiza, dixo, existe un déficit de prazas en escolas infantís especialmente públicas, sobre todo despois de aprobarse a gratuidade nos centros de 0 a 3. As Escolas infantís, “son un recurso educativo”, pero tamén “un servizo de conciliación esencial para moitas nais e pais que teñen que facer auténticos malabares para poder coidar e traballar”.
Rodil salientou que nos últimos 6 anos o Goberno do Partido Popular só construíu 2 centros novos da Rede de escolas infantís públicas, dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar, coñecidas como Galiñas Azuis e na actualidade, Galiza conta cunha Rede de escolas infantís con 147 centros, “ unha cantidade claramente insuficiente” porque en Galiza hai “63.377 nenos e nenas menores de 3 anos”.
147 escolas infantís con 8.500 prazas na Rede Galiña Azul, 27 centros con 2.242 prazas dependentes da Axencia galega de servizos sociais, 95 Casas Niño (teñen só 5 prazas e só poden implantarse en concellos de menos de 5mil habitantes) : 475 prazas. En total, pagadas con cartos da Xunta de Galiza, hai “11. 217 prazas de 0 a 3 anos que non cobren máis que o 17,6 % da poboación desta idade” e se sumamos todas estas cifras, ás da Xunta, municipais e privadas, “ a cobertura é da metade da poboación de 0 a 3”e nun país sobre todo que “non se caracteriza precisamente por taxas de natalidade estratosféricas”.
Ademais, sinalou que desde o ano 2019, o Goberno do Partido Popular suprimiu a liña de axudas dirixidas a promover a creación de escolas infantís en contornas laborais como os polígonos industriais, parques empresariais ou grandes empresas.
Por se fose pouco, no 2022 a Xunta de Galiza deixou sen gastar o “80% dos fondos” para conciliación e outros servizos de protección (Programa 312G) da Consellaría de Igualdade, dirixidos a entidades locais, familias e entidades sociais sen ánimo de lucro.
Medidas para facilitar a conciliación en concellos e empresas
Ante esta situación, dende o BNG imos propoñer, anunciou a nacionalista, ampliar a Rede de escolas infantís pública, da Galiña Azul, a través dun “Plan que priorice aqueles concellos onde non existe este recurso” ou resulta insuficiente o número de prazas actuais así como nos lugares n que se concentran un maior número de traballadoras e traballadores. “Un plan que deberá orzado para garantir que continúa ampliándose a rede pública e achegando o servizo á poboación”.
Ademais, tamén reclamos recuperar a liña de axudas públicas para a implantación de escolas infantís de 0 a 3 anos en polígonos industriais e outras contornas laborais. E demandamos cambios normativos para que aquelas empresas que traballen coa administración (a través de concursos ou procesos de licitación pública) garantan a existencia de recursos de conciliación e corresponsabilidade nos centros de traballo.
A deputada concluíu avanzando nunha lei do BNG para a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública co fin de favorecer o tecido produtivo e empresarial galego impulsando a conciliación e fomento da corresponsabilidade na súa cultura empresarial e garantir que o diñeiro público promova a adopción de recursos e servizos dentro das propias empresas “facilitando o teletraballo, as reducións de xornada ou, en empresas grandes, habilitando escolas infantís”.